Capa do livro A IDENTIDADE de MANUEL DARRIBA

Manuel Darriba

A identidade

Xerais, Vigo, 112 páxinas, 19,50 €, 2026

O desdobramento dun personaxe revelado como un escritor insatisfeito é o primeiro que achamos neste último libro do poeta, narrador e guionista Manuel Darriba. Volume que se sitúa na liña das súas últimas entregas no que atinxe á construción dunha narrativa se se quer esixente e fóra de tendencias.

Catro diálogos ou conversas curtas e concisas acollen inicialmente a voz de dous personaxes como son Ego e Álter. O primeiro, envellece mentres se suceden diversas situacións; o segundo sempre se mantén intacto nunha idade que rolda os setenta anos e será este quen propoña temas para dialogar e construír ese xogo de identidades que se retroalimenta mutuamente pois ambos os dous son escritores: Ego magmatizado polo fracaso e Álter considerado unha voz de certo éxito. Nestas conversas, situadas en catro segmentos temporais distintos, revélase para min o paso do tempo e como dentro deste ámbito nada, ou case nada, está pechado ou resulta de interpretación unívoca.

A continuación, os nove contos inéditos, tanto de Álter como de Ego, abrazan o desdobramento autorial recreando temáticas heteroxéneas unidos pola patente constatación do paso do tempo, ao meu ver, obxectivado en dous motivos como son o tren —as viaxes en tren, o tren como obxecto de agasallo, as miniaturas posibles noutro relato…— e a guerra, que conduce a situacións absurdas, alén doutros focos de interese como a frustración, o valor do enigmático, os medos irracionais, a morte absurda ou provocada pola vinganza e outros tremendistas como un inspector de policía abusador ou a morte misteriosa dun xornalista vasco.

Relatos, en fin, que demandan unha recepción marcada polo feito de aceptar a complicidade necesaria que se formula nalgúns deles cuxo ton enigmático ou simbólico esixe completalos e darlles un sentido, individual ou de conxunto.

Finalmente, ao meu ver, dúas brillantes sentenzas que latexan no libro orientan, dalgún xeito, o seu sentido. A primeira recóllese cando dialogan sobre a escritura Ego e Álter e cífrana en «pór en palabras as sombras da mente»; a outra sinala que os escritores «en calquera cousa atopamos misterios». Talvez sexa así.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem”, de La Voz de Galicia, o 10 de xullo de 2026.