É algo manifesto que Chan da Pólvora significou, significa, outra maneira de entender tanto o proceso de edición como o pausado traballo de edición que conforma un catálogo único e verdadeiramente singular.entre nós.

A heteroxeneidade que se transloce no plan de edición materialízase agora nunha fornada de cinco libros que entendo como galanos que Chan da Pólvora vén de poñer en circulación respecto dos que, agora, só quero deixar constancia.

Se se me permite, talvez a proposta que posúe un carácter máis relevante é a publicación do libro dunha das voces claves e máis luminosas da poesía galega contemporánea como é Pilar Pallarés baixo o título de Unha escriba [Poesía 1980 / 2025]. O volume recolle unha antoloxía de Entre lusco e fusco (1980), e mais os libros Sétima soidade (1984), Livro das devoracións (1996), Leopardo son (2011), Tempo fósil (2018) e Contra humana parte (2025), alén de incorporar un bloque textual baixo o título de Certos poemas, qe compila textos dispersos que se recollen por vez primeira nun volume.

Dous libros máis resultan moi do meu interese como filólogo. Velaí, por un lado, o asedio que se fai do célebre U… ju juu… [Poema futurista] de Vicente Risco, con textos analíticos de Carlos L.. Bernández -quen xa se achegara había anos a esta faceta risquiana nunha edición de textos poéticos vangardistas de Risco- e do profesor Miro Villar: ambos os dous afondan con rigor no verdadeiro sentido deste textos poético. Non é menor a importancia que ten o título Good-bye, Galicia [Poesía galega reunida e ensaios] de Euxenio Montes, nunha edición a cargo de Mario Regueira que non evita pronunciarse sobre aqueles ángulos máis escuros dunha biografía cando menos susceptible de polémica e desvela, ou suxire, datos de carácter persoal probablemente ignorados.

Conclúo coa breve referencia ao libro Días de bestaxe, de Braulio Vilariño, primeiro libro de poemas deste autor que se acompaña dun breve estudo a cargo de Daniel Salgado e, por último, significamos o título Literatura de Sodoma, que conta cunha introdución de Carlos Quiroga e que xunta tres obras de relevancia na escena queer portuguesa: Canções de Antonio Botto, Sodoma divinizada de Raul Leal e Decadência de Judith Teixeira: unha iniciativa espléndida que, como sinalan fontes da editorial, é operativa para “ampliar a dimensión da terrible crónica da represión contra os artistas das sociedade alternativas” pois o goberno civil de Lisboa ordenou a súa retirada e queima pública tras unha violenta campaña promovida pola Liga de Ação dos Estudantes de Lisboa.

Obrigado por tanto, Chan da Pólvora.