Xosé María Álvarez Cáccamo
Miniaturas e outras dimensións
Galaxia, Vigo, 136 páxinas, 16,50 €, 2026
É probable, talvez máis que probable, que tan só unha voz afeita á disciplina e ao imaxinario lírico onde salienta como un dos autores de gañado prestixio, sexa quen de afirmar que o tempo pasa “como move o vento do sur as patas dos cabalos de Arabia”, e que isto apareza co naturalidade no medio e medio dun libro de relatos breves coma este que nos ocupa, coa lectura aínda pendente de Árbore arriba. Memoria das orixes (2026) no que volve asomarse á memoria familiar como xa realizou hai algúns anos con dous volumes anteriores.
Volve, así pois, Pepe Cáccamo, ao xénero no que xa se estreara con Microtopofanías (1992) e ao que seguiría A luz dos desnortados (1996) e no que se move, a meu entender, con especial habilidade.
Se ben o libro aparece segmentado en dúas partes -a primeira, con relatos máis breves, como arriba sinalei, agrupa prosas arredor do tempo, do seu transcorrer e o seu poder para transformar as cousas; a segunda, unifica os relatos ao presentaren unha filiación onírica- tanto nunha coma noutra se advirte con facilidade a brillantez dunha prosa traballada, se se quere unha selección léxica que nace do pouso -coido que exemplar no clima construído no relato “Ninguén de ningures” e tamén naqueloutro titulado “Interrupción do xúbilo”: perturbadora historia -foina para min e moito- na que un profesor xubilado se ve obrigado a reintegrarse a un traballo docente que xa cría totalmente esquecido onde o peso da narración repousa, como ocorre noutros moitos relatos, na suma estratos marcados polo misterioso e desacougante, tan fronteirizo ás veces co delirante ou o absurdo.
Relatos, así pois, inzados nalgúns casos de ironía, que comprimen moita literatura e xogos creativos dentro, e nos que se materializa sempre unha atmosfera que posibilita interpretar de maneira non unívoca a súa conclusión, se é que hai porque o autor tampouco persegue peches tradicionais ou canónicos e de aí, se cadra, a súa modernidade nese transitar polo epifánico e simbólico cara ao marabilloso que, tamén si, pode instalarse no cotián.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem”, o 21 de agosto de 2026.
