Nun proceso de investigación que abrín, en varias frontes e con azos renovados, atopei nalgunhas hemerotecas curiosidades, que talvez non o sexan enteiramente, das que me gustaría deixar constancia aquí.
Por orde de aparición incorporo un tipo de fotografías bastante comúns nos anos vinte do século pasado para inmortalizar a época da infancia: ata aí todo normal, mais si resultan rechamantes os obxectos que acompañan os neno ou nenas fotografadas. Para unha mostra véxase a imaxe inferior (tirado da revista Céltiga).
Tamén nesa revista, por volta do an o 1927, dáse conta da lamentable escaseza de recursos da viúva de Curros Enríquez.
Outro texto, pouco coñecido e publicado en El Compostelano, débese a un novísimo Francisco Fernández del Riego e fala, en clave gabanciosa, do avó de Mariano Rajoy, isto é, Rajoy Leloup, que levou a cabo un papel clave na elaboración e posterior aprobación do Estatuto de Autonomía de 1936. O texto publicouse o 25 de xullo de 1932.
Por último, e talvez merecerían unha atención máis profunda, dous textos de Aquilino Iglesia Alvariño. O primeiro deles é un canto ao Día de Galicia de 1936, isto é, o 25 de xullo que, curiosamente, sae publicado ese mesmo día na contra de El Compostelano, a carón de artigos que gaban o alzamento militar. Curioso ou incomprensible, non o sei, pero debeu de quedar disposto para ese día antes da rebelión e así viu a luz. Por outro lado, como tantas outras voces, tamén poucos meses despois, Iglesia Alvariño deixa constancia, obrigado ou non, da admiración do novo réxime na composición “Liberación e gozo”.




