Capa do livro Nailía de Loli Rodríguez Rodríguez

Loli Rodríguez

Nailía

Galaxia, Vigo, 188 páxinas, 21,70 €, 2025

Os camiños que conducen á lectura dun libro, no meu caso e supoño que tamén o doutras persoas que nos dedicamos á crítica, divulgación ou interpretación textual das novidades editoriais, son diversos e, por veces, inesperados. Este libro que me ocupa, Nailía, de Loli Rodríguez, viña avalado polo premio Torrente Ballester na súa edición de 2025 mais, como ás veces ocorre, fun retrasando a súa lectura entre a morea de libros novos que se acumulan. O caso é que hai poucas datas este título recibiu o Premio Trevo de Narrativa en Galego na súa segunda convocatoria e que recoñece, a xuízo dun xurado plural, a proposta máis destacada entre a produción narrativa que viu a luz o ano anterior. Nailía, pois, dobremente galardoada, obrigaba e esixía unha lectura.

Velaquí unha proposta que, ao meu ver, exhibe un rexistro literario moi suxestivo no que se sabe da importancia da lingua oral para deseñar as personaxes. Ancorada nunha estrutura de filiación clásica, coa intervención de diversas voces narrativas, relata a vida de Lía, isto é, a dunha muller que simboliza a resiliencia diante dos acontecementos que experimenta na súa vida entre os que non ocupan un espazo menor tanto a maternidade como unha relación sentimental, probablemente idealizada ao se truncar na súa mocidade e na que sempre depositou un feixe de esperanzas para modelar o seu futuro.

A novela, de inequívoca filiación realista, malia centralizarse no universo que xorde da protagonista, Lía, flúe axilmente nunha alternancia acaída entre diálogos, monólogos e descricións e adquire unha modulación vizosa ao se proxectar noutras personaxes que se singularizan de seu e que responden a un perfil psicoloxicamente diferente.

Por outro lado, conta no seu haber cun valor contrastable como é o da verosimilitude e coa recreación suxestiva de elementos temáticos sobre os que se reflexiona como son a vulnerabilidade, o sentimento de culpa, a dor, a precariedade, a saúde mental, as contradicións, os coidados, os abusos, o concepto de familia, a emigración e, sobre todo, unha vontade constante de superación en contextos marcadamente hostís. Sexa benvida esta Nailía!

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem“, o 31 de xullo de 2026.