Ramón D. Veiga
Vigo pequeno (ilustracións de Rubén González)
Xerais, Vigo, 64 páxinas, 14,50 €, 2026
Hai xa algúns meses que quería deixar constancia da aparición deste libro que resultou do meu interese. Trátase de Vigo pequeno, da autoría de Ramón D. Veiga e que ilustra, ao meu ver con acerto e orixinalidade, Rubén González.
O título non remite, precisamente, ao tamaño reducido -en comparación con outras cidades semellantes- nin tampouco á posible escasa relevancia da urbe, nin sequera á denominación que recibía a zona mariñeira e antiga de Vigo. Antes ben, responde á intención que goberna a proposta, isto é, divulgar ou dar a coñecer diversos espazos da cidade de Vigo, dirixíndose principalmente a un público novo aínda que non en exclusiva.
O autor realiza, así pois, unha guía ilustrada para o que recorre a unha voz narrativa, Oliva, que en primeira persoa vai presentando aqueles espazos singulares que lle outorgan a identidade que ten a nosa cidade de maneira que se potencian aqueles aspectos máis reseñables dunha maneira áxil, en ocasións con humorismo e nun equilibrio acaído entre doses de ficción e imaxinación.
Velaí, así pois, un camiño que posibilita visitar Rande, o monte da Guía e os edificios de García Barbón; grazas a este percorrido achegámonos ao Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) e chegamos ata a Gran Vía, a Praza América, Balaídos ou Samil para retornar polo Berbés, reparando no Museo do Mar ata rematar no ascensor Halo. Polo medio, claro é, referencias heteroxéneas que van do Dinoseto ao pazo de Castrelos, dos vitrasas á suposta fantasma do peirao de trasatlánticos e un longo etcétera porque Vigo é, tamén, unha cidade felizmente infinita. Parabéns por esta iniciativa.
