Capa do livro AS BOCAS COSIDAS de MARILAR ALEIXANDRE

Marilar Aleixandre

As bocas cosidas

Galaxia, Vigo, 340 páxinas, 24 €, 2025

<<Fillos da noite, exército das sombras. Amparados pola noite levantan as mans no desigual intento de parar o fascismo. Son un puñado. (…) Sen ninguén que o conte, o que non é contado desaparece>>. Estas liñas pertencen a As bocas cosidas, de Marilar Aleixandre, e malia que nesta novela hai máis, moito máis, teño para min que espellan unha parte significativa do que significa esta novela.

       Velaquí, así pois, a recuperación dun capítulo case descoñecido da guerra civil -os chamados “fillos da noite”- man a man con esa idea que paira sobre estas páxinas e que apunta á consideración de que aquilo que non se conta acaba esvaéndose no esquecemento. Todo avanza, así pois, desde as instancias dun familiar -un curmán do pai da autora- cuxa existencia se ignorara absolutamente: el fora un guerrilleiro comunista que falecera en 1947. Desde aquela silencio.

       E aquí xorde a tentativa, complexa e emotiva, de darlle voz propia a Antonio G. nunha reconstrución mixta articulada que agroma desde as innumerables fontes consultadas, por unha banda, e as precisas doses de ficción necesarias, por outra, para transmitirnos as experiencias, sentimentos e contradicións dun personaxe que acreditaba nos conceptos da igualdade do ser humano e dos perigos que supuña a implantación do fascismo. Todo feito graxas a unha coralidade de voces femininas a iluminarnos arestas e ángulos dos acontecementos que precisamos coñecer para este paseo, que tamén o é, pola historia do século XX ata hoxe.

       Esta historia instálase, como non podía ser doutro xeito, nun contexto onde nos abismamos aos campos de concentración, ás feridas máis íntimas e particulares dos personaxes, ás penurias dos traballadores do campo, á crueldade, ás vidas e esperanzas quebradas e esquecidas que se extraen, tantas veces, dese campo ermo que é a memoria, mais unha memoria silandeira que se quixo cubrir con sal para que nunca se rescatase. Hai un consciente remexer nas cinzas do pasado que as palabras, unha arma máis poderosa que as balas como aquí se di, nos permiten chegar a un tempo presente moi precisado de achegas tan lúcidas e exemplares coma esta de Marilar Aleixandre. 

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem” de La Voz de Galicia, o 12 de xuño de 2026.