Hai aínda, malia as recentes iniciativas que cobren as lagoas de coñecemento da produción xornalística de Álvaro Cunqueiro e facilitan o acceso á mesma, bastante traballo que abordar para ir completando o seu perfil como home de letras.
Volvo, neste blog, a Cunqueiro -de quen nunca prescindín como lector- para ofrecer un texto que, ao meu ver, non está exento de relevancia. Data de 1936 e, xustamente pertence ao tempo da campaña a prol do Estatuto de Autonomía de 1936. Cunqueiro, como é sabido e está recollido en forma de libro, publicou nas páxinas de El Pueblo Gallego de Vigo dous artigos -“A vocación da libertade I e II”, 28 de xuño e 5 de xullo respectivamente, e o aínda máis revelador “Notas a unhas notas”, do 8 de xullo de 1936- nos que amosaba, sen ambaxes nin equívocas interpretacións, o seu posicionamento a favor do Estatuto e da importancia que tiña para o futuro de Galicia. Complementario a estes artigos e noutra cabeceira se cadra conviría incluír a prosa “Los antecedentes del galleguismo. En principio fue el verso” que viu a luz no xornal madrileño El Sol a véspera da plebiscito, isto é, o 27 de xuño de 1936, con tres ilustracións que son fotogramas extraídos do documental “Finis Terrae”, película dirixida por Carlos Velo e Fernando G. Mantilla. O artigo acompáñase nunha páxina tanto dun texto anónimo que sistematiza os contidos do Estatuto como doutra colaboración que escribe, baixo o título “Horizontes del Estatuto. Su aspecto agrario, social e económico”, E. González López. O texto, por certo, abre unha sección homónima no libro Al pasar de los años. Artículos periodísticos (1930-1981), publicado no ano 2020 e editado por Miguel González Somovilla. Tamén chamou a atención sobre el no seu día o profesor e amigo Xesús Alonso Montero.
Cunqueiro vía o mundo cunhas lentes particulares que eran as da literatura. Así vía o noso mundo e é aí onde anoa a memoria da literatura galega co andar a través do tempo da Galicia contemporánea. Velaí como parte de Nicomedes Pastor Díaz para saltar a Rosalía e Pondal -exclúe significativamente a Curros- ata os tempos modernos para concluír nunha prosa esperanzada: “En el principio fue el verso; que en el final de la vida de los gallegos sea la canción” (véxase abaixo o artigo na mellor reprodución que me foi posible).

