Cadraron no tempo dúas publicacións homónimas respecto das que me gustaría deixar constancia neste blog. En primeiro lugar, refírome a un libro requintadamente editado por Bolanda e verdadeiramente engaiolador polas ilustracións que incorpora a artista Olaya Naveira. Trátase, así pois, dunha edición do célebre texto currosiano que prevía prologar o profesor Xesús Alonso Montero mais que non puido realizar por mor do seu falecemento ocorrido o 12 de febreiro deste mesmo ano.
Deste xeito, é Sara Alonso, a súa filla, quen redacta unhas acaídas páxinas preliminares que nos lembran a intensidade que supuxo a presenza de Curros e a súa obra literaria nas ocupacións e preocupacións intelectuais de Alonso Montero, alén de nos revelar algúns capítulos pouco coñecidos que subliñan, non sen emoción, o que significou este poema narrativo para alguén que tanto traballou para divulgar a figura de Curros Enríquez.
![Capa do livro A Virxe do Cristal: lenda, roubo, asasinato de Xosé Manuel del Caño [et al.]](https://estatico.alumiar.org/a119dd48-5b83-4476-97e6-fa4e9c8e6659/ee/eeac7c9c-205b-4092-a071-339ef574561e/002.jpg)
Un pouco antes de recibir o anterior libro un amigo agasalloume un exemplar de A Virxe do Cristal. Lenda, roubo, asasinato, de Xosé Manuel del Caño [et al.]. Libro non venal no que, serei sincero, non lembraba que colaborara cun pequeno artigo sobre o Adiante Semanario e tamén sobre a pintada publicitaria existente en Celanova que, grazas a que existe algúen que se chama Benito Reza, se puido salvar.
Dito isto, o libro responde a unha iniciativa de Xosé M. del Caño que solicitou a cincuenta artistas unha obra inspirada na Virxe do Cristal para cubrir o baleiro que deixou o asasinato do párroco de Vilanova dos Infantes, don Adolfo Enríquez, e o roubo dunha imaxe que é unha das máis pequenas do mundo. Ao mesmo tempo outro número máis ou menos semellante de colaboradores son os que se distribúen nas seccións “a crítica”, “creación literaria” e “publicacións” (este bloque con numerosos artigos dispersos de Méndez Ferrín e Alonso Montero, para pechar con outra edición do libro poético de Curros).
Dúas fermosas iniciativas que debían comparecer neste blog. Grazas ás persoas que as idearon e as que mas fixeron chegar.
