Esténdolle os meus parabéns á corporación municipal do Concello de Santiago por perseverar na defensa da da nosa memoria na organización dun acto institucional que neste ocasión, noventa anos despois, vincula os cabodanos do editor e alcalde compostelán Ánxel Casal, asasinado o día 19 de agosto de 1936, coa figura de Camilo Díaz Baliño, que tamén caería asasinado tan só cinco despois na estrada de Palas de Rei a Melide.
Alén do sinalado quería deixar aquí constancia da importancia crecente que cobran ambas as dúas figuras por razóns obvias, cando menos para min. Neste sentido, nos últimos tempos, atopei certos ecos na prensa histórica galega da figura de Camilo Díaz Baliño que quixera, simplemente, compartir coas persoas que vos pasades por aquí. Trátase de referencias distintas ás recollidas na rede e que caeron no esquecemento.
Na súa totalidade son caricaturas, cubertas da revista, fotografías, ilustracións con texto do propio Díaz Baliño, e mesmo un poema dedicado á súa figura, extraídos da revista Céltiga entre os anos 1925 e 1931: revista clave da emigración galega a América nos anos vinte e trinta. Os documentos poden verse, organizados a xeito de galería, premendo en calquera deles.








