En moitas ocasións preguntámonos como facilitar o acceso, en 2024, a obras clásicas da literatura universal tanto a alumnado como esa franxa de lectorado que talvez poida estar interesado en achegarse a algunha destas pezas. No caso da Ilíada o escritor italiano Alessandro Baricco -autor, entre outras pezas, de Seda (Rinoceronte, 2005)- articulou unha versión concibida en primeira instancia para realizar unha lectura pública do texto. Deste xeito reelaborouno co obxectivo de facelo máis próximo para posibilitar o acceso “nunha clave actual ós dilemas sobre os que escribiu Homero hai case tres mil anos”. Velaí como en función dese criterio procedeu a eliminar algún fragmento, engadiu algúns outros, modificou o estilo á busca dun ritimo máis áxil e pasou a narración a primeira persoa. En lingua galega preséntase, así, en tradución, introdución e notas a cargo de Moisés Barcia, quen tamén incorpora ao comezo de cada capítulo un breve resumo do seu contido, indicando a correspondencia cos cantos da Ilíada orixinal. Ao meu ver unha valiosa iniciativa.
Homero, Ilíada, de Alessandro Baricco (LF)
literatura clássica, tradução, adaptação literária, Ilíada
Texto originalmente publicado em Caderno da Crítica (em galego)
