A familia Ferreiro Loredo solicitoume pronunciar unhas palabras na cerimonia laica na que despedimos os restos de Luís Ferreiro, depositados no sartego da familia en Celanova.

Deixo aquí unha versión reducida delas, con algunhas referencias que onte omitín sen decatarme, para a familia, amigas e amigos que nos acompañaron e para as persoas que non puideron achegarse.

Un traballo sobre unhas prosas pouco coñecidas de Celso Emilio Ferreiro, realizado no verán de 1989, non puiden imaxinar que cobraría a dimensión que gozou ao ser, en boa parte, responsable de diversas iniciativas que arredor do poeta de Celanova fun realizando grazas ao entusiasmo de Manuel Bragado en Xerais, director da editorial viguesa e que foi a persoa que me presentou a Luís Ferreiro.

Ao pouco tempo de tratarnos semellaba que nos coñeciamos desde había moitos anos pois Luís tiña a rara virtude de crear tribo, de integrarte nela, de formar parte das súas amizades e da súa familia, do seu mundo.

Nese camiño ofreceume a súa memoria e, ao tempo, os arquivos persoais de seu pai que con paciencia infinita agarimou, ordenou, preservou e compartiu levando a cabo un labor exemplar como director da Fundación Celso Emilio Ferreiro. Sen Luís nada do que fixen sobre Celso Emilio Ferreiro se podería realizar pois alén da confianza que depositou en min ofreceume sempre un apoio inequívoco para visitar a todos aqueles lugares, de Galicia e fóra dela, onde requirían a súa, ou nosa, presenza.

Luís Ferreiro, alén de custodiar a memoria de seu pai, foi unha persoa que participou activamente en política, tanto na UPG como posteriormente no PSdeG-PSOE; defendeu asemade os principios que consideraban Galicia como unha nación, sempre insistiu na importancia da lingua galega como sinal de identidade irrenunciable e nos valores do republicanismo e do socialismo. Aínda máis, el sabía transmitir a memoria do que viviu ou lle foi dado coñecer e facíao primando a comunicación e insistindo en ver as cousas desde outra perspectiva, non exenta dunha ollada crítica.

De Luís aprendín moitas cousas, xa non só do seu universo familiar, senón dunha filosofía que sabía conxugar ser fiel aos seus principios coa consideración da vida como algo que se debía gozar e aproveitar. Non teño razón para negalo, tratoume sempre coma un fillo e neste espazo e neste día fáiseme especialmente palpable a súa ausencia.

Beizón a Xavier, Alicia e Isabel por consideraren acaído que eu pronunciase estas palabras; beizón ás súas fillas Iria e Rosalía; beizón aos seus netos Benjamín, Alicia e Guillerme Lois…, a estes últimos diríalles que lembrasen o seu avó como unha persoa consciente de cal foi o seu papel na vida, convencido da importancia de transmitir a memoria e, ao mesmo tempo,engadiría que non esquecesen a súa afabilidade, a súa xenerosidade e o seu posicionamento sempre atento ao verdadeiramente transcendente.

Até sempre, Luís, os que te despedimos teremos conta de que ese lume que alampea xamais o vexamos morto.