Cynthia Menéndez

Son coma glaciares os barcos de aceiro

Galaxia, Vigo, 210 páxinas, 18,50 €, 2025

Non me foi posible realizar unha lectura diría que aséptica, nin tampouco distanciada, desta que é a estrea literaria da escritora viguesa Cynthia Menéndez e que optou por un longo e un tanto poético título como é Son coma glaciares os barcos de aceiro, xustificado porque desde esta instancia xa se terma da constante hibridación manifesta entre prosa e lirismo que latexa nesta peza alén de que, ben mirado, os barcos que se constrúen nas bancadas dos estaleiros, se neles se proxecta unha cor azul celeste, parecen glaciares. Golpes de luz que en Vigo non son infrecuentes sen lle pedir o favor ao Felipe de Amancia do Merlín cunqueiriano para que nolo volva contar e facer.

A autora rescata, como preciso pano de fondo, un tempo e un espazo como é o do Vigo de finais dos anos noventa e pon o foco nas denominadas loitas do naval: nomeadamente nas mobilizacións dos traballadores de Hijos de J. Barreras que reivindicaban a continuidade dun traballo que non caese en mans privadas, como ben se sabe que ocorreu. Capítulo que se uniu a unha longa tradición de conflitos vividos na empresa anos atrás. Dun ou doutro xeito, Menéndez consegue pór en valor, con fortuna e cun pulo fragmentario que cobra sentido globalmente, un conxunto de vivencias  relatadas por un neno chamado Pedro, fillo dun obreiro da empresa, que nos revela as vidas da familia e das persoas coa mesma forza e co mesmo engado narrativo que, por exemplo, fixo o Suso de Xente ao lonxe blanco-amoriano. Instaurada na tradición que vén de Antón e os inocentes, de X.L. Méndez Ferrín, amosa, iso si, un pulso propio que deseña os perfís singulares da contorna de filiación proletaria que o rodea, como tamén os ámbitos domésticos, os sociais e os cotiáns, erixindo un exercicio de memoria -e de ficción- co que tamén se establece un contrapunto, probablemente necesario, ao conducirnos polo devalar dunha historia que evoluciona en clave sentimental.

Velaquí a reconstrución dunha cidade de tradición obreira e industrial: do mono azul de traballo que era, máis alá dun uniforme, un símbolo da dignidade. Gustoume moito e mesmo conmoveume traer á lembranza, grazas a estas páxinas tan ben calibradas, aqueles días e aqueles tempos.

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem”, do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 21de febreiro de 2025.