Beatriz García Turnes

A maldición do papiro alexandrino

Xerais, Vigo, 136 páxinas, 12,95 €, 2024

Ocupeime non hai moito tempo dun libro de contos de García Turnes titulado Comando Sintrom. Arestora a mesma autora publica unha novela que ve a luz na colección xuvenil Fóra de Xogo de Xerais baixo o título de A maldición do papiro alexandrino.

Resulta evidente que a autora manexa, con experiencia e bo saber, a estrutura e a dosificación acaídas para unha trama que nos sitúa no Nadal de 1918, cando unha moza cosmopolita, moi intuitiva e observadora chamada Atenea Donadieu, volve a Francia para iniciar os seus estudos universitarios. Será na Facultade cando unha compañeira, Olga Aleksandrova, lle faga unha encomenda como é a de axudarlle a recuperar un antigo papiro roubado, manuscrito que seica pertencera a Alexandre Magno e que contiña unha versión da Ilíada. Desaparicións, crimes e asasinatos van da man desta trama resolta con eficacia e, a meu ver, coa necesaria verosimilitude.

Volume de lectura entretida e áxil. Interesante para achegarse aos eidos da historia do mundo antigo e de comezos do século XX, do universo vinculado á arqueoloxía, das dificultades que pasaban as mulleres para a súa formación universitaria e, tamén, para reflexionar sobre aquilo que pode resultar reprobable desde o punto de vista ético. Texto moi suxestivo, como se ve, para abordar ulteriores posibilidades didácticas mais non só. Parabéns por esta entrega á súa autora.