Nunha recente viaxe á Costa da Morte, e nun tempo en que se producen avistamentos infrecuentes de cetáceos na costa galega, resultoume imposible desactivar do pensamento referencias, territorios e información, moita información, extraída da feliz lectura de case cincocentas páxinas dun libro singular e infrecuente, editado nunha coidada edición por Bululú este mesmo ano, como é Ser cetáceo. Un volume, non albergo ningún tipo de dúbida, destinado a perdurar, talvez a exercer como modelo doutros que virán: o que se cadra pode ser o mellor cualificativo co que se podería definir unha obra literaria.

A proposta céntrase, aínda que non só, na cultura baleeira  nun sentido xeral e se se quere transversal. Velaí a súa historia, a súa vinculación co ser humano e coa nosa identidade en particular, tanto no eixe do imaxinario como do real: desde de súa presenza en gravados das pedras paleolíticas ata a recente época na que era permitida a súa caza indiscriminada; desde as representacións que gozaron en forma de Leviatán ata a súa presenza no chamado ciclo de Xonás no interior da balea. Alén disto o libro rescata, como é natural e entre outros elementos, o impacto sufrido polo Prestige, a morte de Man, a importancia de persoas como Luís Montegudo ou o enigmático e inesquecible universo artístico ideado por Urbano Lugrís.

Sobranceiro polas súas dimensións e polas características que abraza ao conxugar, con excelentes resultados, o que poderiamos considerar páxinas de memorias que recolle experiencias persoais con outras que se aproximan ao marabilloso xénero dos libros de viaxes, cunha inequívoca e dosificada presenza da reflexión de inspiración antropolóxica, ecoloxista, histórica, artística, económica ou política; abeirándose ás veces á revelación da dinámica de investigación, con moita documentación incorporada con naturalidade e onde non falta a presenza de fíos narrativos que semellan de índole novelesca, sen selo, ofrecidos nunha prosa, como non podía ser doutra maneira no seu autor, dominada por un pulso propio, fluída, amena  e que sabe dosificarse entre a emoción polo asunto tratado e a paixón por compartir, con claridade e proximidade, a cerna dun traballo que ao meu ver polo seu carácter totalizador, máis alá de fronteiras xenéricas, resulta talvez pioneiro entre nós polo que ben desafortunado sería velo pasar desapercibido entre as novidades máis recentes do noso mercado.

En Ser cetáceo, ademais, a voz que nos guía, sempre chea de entusiasmo, case podería engadir que cargada de optimismo malia ás veces internarse en asuntos que non convidan a esta visión, nunca se sabe cara a onde nos pode encamiñar: atravesa todo o libro con solvencia e paso firme e ese é un dos seus estimables méritos: nada é previsible, todo é unha descuberta, o labirinto polo que nos conduce nunca parece ter fin. Para min gozan de especial relevancia ás páxinas de investigación literaria sobre a presenza das baleas na nosa historia literaria, o que agocha a célebre industria baleeira de Caneliñas ou a de Bueu e, sobre todo, esa reflexión final sobre a ameaza da extinción dos cetáceos e o paralelismo coa sorte que corren tamén as linguas en perigo de extinción.

A inminente celebración no vindeiro mes de setembro da décima edición do festival Mar de Mares, na cidade da Coruña, acollerá unha exposición inspirada neste libro: será unha excelente oportunidade para visualizar unha parte do moito que suxire e encerra un libro da caste dos imperecedoiros e senlleiros.

Este texto publicouse nas páxinas de información cultural de La Voz de Galicia, o 20 de novembro de 2023.