Beatriz Liz de Cea

Don Paco. Letras para a arte galega

Galaxia, Vigo, 146 páxinas, 15,50 €, 2023

A cuberta deste libro reproduce, parcialmente, o célebre retrato que Xulia Minguillón lle realizou a Fernández del Riego en 1950. Nun artigo publicado ese mesmo ano baixo o título de “Desde mi retrato” o laurentino amosa o seu agradecemento publicamente por este traballo artístico co que estaba moi feliz –“la nota inequívoca de mi yo”, apunta- e describe, con palabras certeiras, a situación e a atmosfera que rodeou o tempo de posado para a artista, os recordos que o propio retrato lle suscitaban para sentenciar que gustaba da arte da pintora como tamén “de otras pinturas máis imaginativas y deshuesadas”: non hai discusión na afirmación que revela a súa amplitude de miras. Nese texto, como en tantos outros, transmítese tamén a especial sensibilidade que don Paco tiña diante do feito artístico e, se este era galego, aínda máis.

Sobre esta dimensión que non se abordara aínda dá a coñecer Beatriz Liz de Cea, comisaria da exposición “Francisco Fernández del Riego. Nos vieiros da arte galega” que se pode visitar na pinacoteca que leva o nome de Don Paco na cidade de Vigo, unha monografía que se le axilmente e sen dificultade para calquera persoa que queira afondar, grazas a un inequívoco rigor documental posto ao servizo da divulgación, nas dimensións que adquiriu, ao longo de boa parte do século XX, o interese de Del Riego pola arte galega.

Velaquí como neste libro se van deseñando as liñas principais que rexen a esta preocupación tan importante no seu perfil intelectual, ben palpables desde algún dos seus primeiros traballos publicados ata o interese que depositou nos seus derradeiros anos por proxectos como “Baiona Horizonte Atlántico”, organizado polo crítico de arte e editor Román Pereiro. Sen esquecer nin o minucioso e inedito seguimento que se realiza da exposición de artistas galegos en Buenos Aires no mes de xullo de 1951 na que Don Paco tivo tanto que ver nin tampouco ese senlleiro legado artístico que doou á cidade de Vigo. Velaquí reflectidos, ao mesmo tempo, os fíos de amizade que o uniu a figuras como Maside, Seoane, Colmeiro, Xohán Ledo, Laxeiro, Faílde, Eiroa, Mario F. Granell, Isaac Díaz Pardo e tantos outros artistas que son, loxicamente, historia da arte galega. Tamén don Paco pola súa implicación nela.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 9 de xuño de 2023.