Confirmo como as consecuencias duns meses infrecuentes para min deixaron moitos libros significativos amoreados na casa e que non pasaron por este blog. Un deles, que a meu entender ben merece referencialo aínda que sexa a través dunha breve mención, é esta homenaxe tributada a Xoán González-Millán aparecida en setembro de 2023. Baixo o título de Xoán González-Millán: a projeção de um pensamento crítico Arturo Casas, Isaac Lourido e mais Cristina Martínez articularon un volume que subliña a relevancia de González-Millán para o pensamento crítico e literario galego tal e como presentan na introdución do volume. Ademais, o libro enriquécese con artigos de Helena González, que ofrece unha lectura crítica do libro Resistencia cultural e diferencia histórica: a experiencia da subalternidade (2002); Álex Alonso afonda na concepción e establecemento de premisas que van máis alá do literario; Arturo Casas esculca nas fontes teóricas do seu pensamento; María Liñeira analiza as dinámicas do exilio galego na súa obra; Pablo Pesado achégase aos vínculos entre ideoloxía e institucionalización; Isaac Lourido avalía criticamente o cadro teórico-metodolóxico de González-Millán e os resultados que acadou. Finalmente, a profesora María do Cebreiro Rábade Paredes achega unha visión máis persoal do autor antes da conclusión que incorpora unha listaxe bibliográfica da produción do autor de Literatura e sociedade en Galicia (1975-1990).

O volume, pouco máis de vinte anos despois do seu falecemento, deixa boa mostra da indiscutible importancia que González-Millán tivo e ten nos estudos literarios galegos. Beizón.