Xabier Quiroga
Coa man esquerda
Xerais, Vigo, 200 páxinas, 17,95 €, 2023
Non lin toda a narrativa en lingua galega publicada neste ano que conclúe, nin moito menos, mais de todo o que puiden acceder debo concluír que esta é unha das novelas máis atractivas e interesantes entre as que caeron nas miñas mans.
Talvez a afirmación non se sustente, ou non se sustente unicamente, polo feito de que nela se abrace unha temática que un non cansa de transitar como lector, isto é, a guerra civil, as súas funestas consecuencias e as dimensións que o seu resultado proxecta mesmo para o noso tempo. En efecto, Coa man esquerda de Xabier Quiroga é unha novela, de filiación memorialista, sobre a guerra civil na que unha voz que axiña gaña a complicidade é quen de transmitirnos con transparencia e verosimilitude non só a súa biografía persoal senón a da súa familia, tamén de certos misterios e segredos, que habita un territorio que, grazas a unha escrita como a de Quiroga, non é nada difícil visualizar, en especial, esa casa de detrás de tras da devesa que ficaba lonxe de todo e preto de nada.
Antes ben, fóra da orixinalidade que pode encerrar o argumento talvez previsible polo que ten de tráxico desenlace, nestas páxinas salienta a utilización dun recurso que, en parte, parece beber Da cor do leite de Nell Leyshon como se fai entender na cita previa que preludia o libro. Só en parte, talvez, pois nesta novela un asiste a como, na ficción, o protagonista sente a necesidade de contar unha historia propia, se se quere cunha vontade que conxuga certa catarse persoal e unha definitiva explicación das orixes dun escritor que recibe un manuscrito de letra apertada. Quen se afana en reconstruír a memoria faino sen expresarse coa corrección canónica que se precisa ou imaxina nun rexistro escrito. No fondo tanto ten pois acode ao que manexa con exemplaridade e que dota ao que conta dunha inequívoca viveza e frescura, case diría que fascinación, isto é, un efectivo rexistro oral que arroupa as vivencias dunha fasquía case tanxible.
Coa man esquerda é, ao mesmo tempo, unha proposta cargada de emoción ao evocar a extrema dureza da vida dun neno marcado polas súas orixes e por un tempo miserento, moral e materialmente, onde a supervivencia marcou a súa realidade cotiá e a de tantas persoas.
Esta recensión publicouse o día 22 de decembro de 2023 nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, sección “Ex umbra in solem”.
