Adrián Pérez Bote
Baixo o ceo de xeo
Galaxia, Vigo, 304 páxinas, 21,50 €, 2024
Galardoada co premio Illa Nova de Narrativa en 2024, Baixo o ceo de xeo é, ao mesmo tempo, a primeira proposta de longo alento que publica Adrián Pérez Bote, matemático e especialista en estatística e intelixencia artificial.
O autor opta por entrecruzar nunha estrutura bimembre, e con inequívoca solvencia, dous camiños: un sitúanos nun territorio distópico ou simplemente propio da ciencia ficción da man de Roi: un xenoantropólogo moi racional pero obsesionado coa literatura fantástica do século XX, ao tempo enguedellado nunha relación con Raissa, que entra na súa vida para cambiala; o outro vieiro abéirase ás posibilidades que ofrece a literatura fantástica, con indiscutibles vernices épicos e deseñada con solidez nas atmosferas e personaxes.
Malia que o afirmado se poida entender como algo complexo, o autor fai que todo flúa con naturalidade. Reflicte un universo de ficción que esixe certo grao de complicidade, concedido tanto polas necesarias doses de verosimilitude que aplica -se cadra alimentadas por numerosas lecturas do xénero e por estenderse cara a realidades que asoman as súas posibilidades no noso tempo- como por ofrecer un recurso que, non por ser coñecido deixa de ser efectivo, tal é o de atoparmos unha novela que medra dentro doutra.
Velaí como os devanditos traxectos van entretecéndose con axilidade, coas pausas precisas cando cómpre facelas e acelerando o ritmo cando a acción o demanda. Todo, ademais, ilustrado con relampos irónicos e relatos de ancoraxe épica que permiten acceder, se cadra de esguello pero con profundidade, a asuntos como son, por exemplo, as leis que rexen a construción de mundos de ficción, o peso da tradición na sociedade ou o férreo control que se exerce sobre ela, os límites dos avances tecnolóxicos ou a antropoloxía como unha ciencia fundamental, alén de evidentes homenaxes que se tributan a grandes voces da literatura destes sub-xéneros recreados e que, grazas a este libro, gozan agora entre nós dun pulo estimable e innovador.
Esta recensión viu a luz na sección “Ex umbra in solem” das páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 31 de xaneiro de 2024
