Xosé Miguel Andrade Cernadas

As peregrinacións a Compostela. Mito, historia e falsidades (limiar de Isidro Dubert)

Xerais, Vigo, 200 páxinas, 17,95 €, 2023

Publicado en xaneiro de 2024, non me gustaría deixar acabar o ano sen me referir a un dos ensaios máis suxestivos e sorprendentes que viron a luz este ano pasado. Ao meu ver é un libro maltratado con bastante silencio mediático talvez porque o seu contido, claro é, está moi lonxe en intención e inspiración de tantas publicacións de carácter institucional ou oficial, as máis delas subvencionadas por uns case ilimitados fondos públicos cando do xacobeo se trata. Velaquí, así pois, o volume As peregrinacións a Compostela. Mito, historia e falsidades do que é autor Xosé M. Andrade, catedrático de Historia Medieval da USC e que se publica na colección “Contamos a nosa historia” de Edicións Xerais.

Suxestivo e sorprendente afirmaba arriba porque desvela, con argumentos científicos e documentais, moitas das claves que se engloban baixo a etiqueta das peregrinacións a Compostela e que, en moitas ocasións, non responden á verdade histórica. Velaquí, así pois, desde a fantasía da denominada “traslatio” ata o cuestionamento da existencia de diversos «camiños de Santiago»; como se foi asentando na historiografía a inventada batalla de Clavijo e a vizosa fabricación do voto de Santiago, derivada da invención do sepulcro, e que se atribuíu, falsamente a Ramiro II e que mesmo Franco revitalizou simbolicamente. Todo isto ata as bases históricas -se as hai- do denominado fenómeno xacobeo ou, ao meu ver o que constitúe un dos capítulos máis interesantes como é a utilización das vellas peregrinacións como obxecto de promoción turística e manipulación política que abrangue desde, por exemplo, a utilización da figura de Santiago como matarrojos, logo de ser adxectivado como matamoros ata a súa promoción polo fraguismo.

Un volume, ao meu ver, clave para entender cabalmente, todo este fenómeno que, non teño dúbida, modificou claramente nos últimos trinta anos, e non sei se realmente para ben, unha cidade como é Compostela.