Kurt Vonnegut
Matadoiro cinco. A cruzada dos nenos (tradución de Estela Villar)
Rinoceronte, Cangas do Morrazo, 206 páxinas, 21 €, 2024
Kurt Vonnegut (1922-2007) naceu en Indiana e alistouse no exército estadounidense en 1943. Destinárono a Europa e, tras quedar illado do seu batallón e vagar durante días polas liñas inimigas, foi capturado e encarcerado en Dresden, onde asistiu ao bombardeo aliado da cidade.
Algúns anos despois desta traumática experiencia á que logrou sobrevivir decide darlle forma ao que será unha das propostas literarias do século XX máis marcadamente anti-belicista. Afastado de vocación idealizadora ningunha, mestura doses de ficción histórica e páxinas semi-autobiográficas cun sorprendente recurso argumental que arrastra a novela cara aos eidos da ciencia ficción. É talvez esta filiación a que fai brillar por contraste a vontade satírica que a domina, virada tantas veces cara ao esperpento, para revelarnos as experiencias que vive ese alter-ego do autor chamado Billy Pilgrim durante a Segunda Guerra Mundial.
Velaí como Matadoiro cinco, título que fai referencia ao lugar no que Vonnegut foi recluído como prisioneiro de guerra -un soto destinado a empaquetar carne-, matizado cun subtítulo inesperado como é “A cruzada dos nenos” co que alude comparación da guerra coa escravitude infantil, consegue converternos en cómplices para circularmos por unha acumulación de viaxes no tempo e no espazo que outorgan á novela un tránsito constante que, coma se os fragmentos narrativos fosen o alimento desa dinámica, ofrece panorámicas da vida de Pilgrim, cada vez sometido a unha maior presión e máis deshumanizado ata converterse nun obxecto de divertimento ao tratáreno como unha mascota que se exhibe nun zoo de Tralfamador: espazo distópico no que os seus habitantes viven en catro dimensións despreocupados por un final do seus días que aceptan como ineludible.
Ao distanciamento e escepticismo respecto do relatado; á escolla dun discurso enxoito e sen adobíos e á ironía presente nese recorrente “éche o que hai” cando se remite a algún acontecemento lutuoso, súmase unha visión lancinante respecto do conflito bélico do momento no que se publica a novela como é o do Vietnam.
Extraordinario Vonnegut: probablemente unha das voces máis eclécticas da literatura estadounidense do século XX, agora en galego grazas ao labor de Estela Villar.
Esta recensión publicouse na sección Ex umbra in solem, do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 5 de xullo de 2024.
