Celia Díaz Núñez

As faces do diamante

Galaxia, Vigo, 178 páxinas, 17,60 €, 2024

Acóllese a dramaturga, narradora e profesora Celia Díaz á lectura que, de xeito espontáneo e natural, se podería realizar do título As faces do diamante, libro que compila un total de dez relatos independentes e que, nalgúns casos, integran elementos e personaxes que os obrigan a enlazarse entre si. En efecto, planea nesta proposta esa visión que posibilita pensar nas diversas versións que se nos poden ofrecer da mesma realidade asediada de maneira diferente, sempre segundo a perspectiva e os ángulos desde a que a abordemos. Velaí a procura dunha interpretación que, con total seguridade, nunca será nin única nin unívoca; antes ben, os matices que cadaquén poida ir descubrindo  han determinar recepcións sorprendentemente distintas.

Polo libro, que amosa tanto unha estrutura circular certamente meditada e claramente efectiva como unha prosa coidada dona dun ritmo propio, pululan abalando entre a crueza e tenrura, alén doutras presenzas protagonistas, unha moza rescatada do lixo, un home que fai unha promesa cunhas consecuencias imprevisibles, unha muller de idade que camiña con cansazo cunhas zapatillas rotas, unha moza que quere fuxir da submisión e do exercicio omnímodo do poder ou unha nena xudía que revela o seu triste horizonte de expectativas, día a día, no gueto de Varsovia: protagonistas de historias singulares e cheas de forza que, ademais, se caracterizan porque a visión da realidade que se abraza, como se dixo, sempre é diversa pois en máis dunha ocasión e aínda no mesmo relato converxe unha suxestiva polifonía de voces.

Unha achega interesante, en fin, ás dimensións que encerra a propia condición humana, tantas veces contraditoria, a través da reconstrución ou grazas á concepción dun feixe de vidas condicionadas, todas elas e nun espazo cronolóxico que ocupa oito décadas, por limitacións e obrigas que impoñen os códigos sociais; pola sucesión de vivencias en espazos opresivos, sexan estes interiores ou exteriores; polo contraste das situacións reveladas e por un estado das cousas que se cuestiona se se quere con sutileza mais sempre con pulso firme e rotundidade.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem“, de La Voz de Galicia, o 22 de marzo de 2024.