Eva Veiga

O que se volve raíz / Lo que se vuelve raíz (tradución ao castelán de Teresa Seara)

Olifante, Tarazona, 226 páxinas, 15 €, 2025

Sorpréndenos, para ben, que Olifante, un selo editorial de Tarazona (Zaragoza), aborde a publicación, en edición bilingüe galego-castelá, do último libro de Eva Veiga: O que se volve raíz / Lo que se vuelve raíz, que conta coa tradución ao castelán da profesora Teresa Seara e mais un breve texto de Pilar Pallarés.

Esta proposta supón unha nova, e relevante, entrega dunha das nosas voces máis recoñecidas e que conta cunha máis que celmosa traxectoria. Veiga ofrécenos un total de oitenta e cinco poemas que, na súa disposición acumulativa alternando fórmulas breves con outras máis extensas e descritivas, afondan en diversos motivos que parecen nacer dunha visión singular do rexistro poético. Esta sería a que entende a poesía como unha sorte de revelación ou epifanía, talvez a única posible, daquilo que ofrece a realidade cun horizonte que mira cara á transformación persoal.

Velaí como, nese ronsel, vai poñerse o foco na esculca dos mecanismos da linguaxe e das palabras, isto é, nese proceso que se interna no funcionamento da voz dese poema que xorde desde o silencio e que dialoga consigo mesmo; ese poema que incorpora de seu a asociación ao pensamento; ese poema como “rastro que a luz dilúe / resto de escuridade e de azar”.  

O devandito motivo, por outro lado, aparece case sempre inspirado nun exercicio que provén do magma da memoria, onde o período da infancia agroma como un referente constante, a carón de exhibir a marabillosa capacidade de transmitir o asombro, a sorpresa e a orfandade que sentimos ao chegar ao mundo. Todo por xunto resulta operativo para revelar ou reflexionar sobre as pegadas, ou consecuencias, das perdas e das ausencias, da dor e das cicatrices;  tamén sobre os límites da nosa vulnerabilidade e do que somos como “materia transformándose”, como “diáspora / que abandona o corpo”.

          A autora, finalmente, inquírese a si mesma sobre asuntos de inequívoca profundidade como son a morte, o abandono, o corpo, a vulnerabilidade, a doenza e o paso do tempo…, léase para ilustrar o que sinalo o conmovedor “non sabe nada o reloxo dun acorde” ou esoutros dous versos, tan elocuentes e transparentes, que din “escribir: facer o dó”.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem“, de La Voz de Galicia, o 12 de decembro de 2025.