
Carme Vidal, Pablo Iglesias Núñez e Belén Diz Juncal
O triángulo vermello
Xerais, Vigo, 40 páxinas, 16,50 €, 2024
Conmove reencontrarse coa memoria da loitadora antifascista Mercedes Núñez Targa (Barcelona, 1911- Vigo, 1986) a través, nesta ocasión, dunha coidada proposta en formato de álbum ilustrado. Con ilustracións de inspiración realista a cargo de Belén Juncal como resulta lóxico nun discurso de corte biográfico, xúntaselle unha proposta narrativa da man da xornalista Carme Vidal e de Pablo Iglesias (fillo da protagonista). Precisamente é a voz deste último o fío que revela, desde a proximidade e o coñecemento, a traxectoria vital de Mercedes Núñez marcada por defender un compromiso ético e político que a conduciría, por só citar dous capítulos relevantes na súa vida, ao cárcere de Ventas e ao campo de exterminio nazi de Ravensbrück, tras participar na Resistencia francesa de maneira activa. Ambas as dúas experiencias están recollidas en libros da súa autoría.
O triángulo vermello, que adopta así como símbolo ese anaco de tea cun S que servía para identificar os prisioneiros españois nos campos de concentración e que conserva hoxe o seu fillo, é unha proposta intensa e, como apuntei, conmovedora que debería difundirse con prioridade nos centros de ensino e nos ámbitos preocupados polo cultivo e a preservación da memoria. Tamén moi recomendable para calquera persoa que desexe achegarse, con rigor e axilidade, a unha figura que agora debería concitar unha maior atención pois corren tempos que así o esixen.
Para finalizar cómpre engadir que os dereitos de autoría deste volume van destinados a organizacións de apoio á infancia de Gaza, Palestina.