Rosa Aneiros

A noite das cebolas

Xerais, Vigo, 320 páxinas, 18,95 €, 2024

Non se me ocorre outra síntese que sirva para definir esta novela como a de que grazas a ela transitamos pola constelación de luces que iluminan o abraio pola natureza e pola vida, pase o que pase: unha ollada pola condición humana e os seus interrogantes e, ao mesmo tempo, polos espazos naturais que nos rodean, engadiría que aínda por sorte. Convidarnos a percorrer ese ronsel, no que segue a existir un territorio para sorpresa e para que atopemos o insospeitado, sexa talvez a alma que latexa en A noite das cebolas, de Rosa Aneiros: libro aparecido hai algúns meses e arestora finalista dos premios Follas Novas do Libro Galego na modalidade de narrativa.

Aneiros retorna -se que é algunha vez o abandonou no seu relevante corpus narrativo- ao universo do mar sobre o que en tantas ocasións, esta incluída, nos regala páxinas moi brillantes. É o seu mar algo máis que un pano de fondo; antes ben, deseña un ser vivo que brúa arredor dun faro, constituíndo a atmosfera que rodea as vivencias dun personaxe de fondo calado como é Abril Andrade, mais como o son tamén o tío Bastián ou Lisco. Nas luzadas dese faro reflíctense tanto aquelas experiencias que pintaron a súa infancia como as que o fan cando, por unha doenza irreversible, decide converterse nunha evocación e habitar aquel lugar. Un mar, con todo, que non é quen de facernos esquecer todo o que a terra deu ou aínda dá.

A novela, que inclúe un “breve tratado para o cultivo das cebolas” no que se conxuga unha mestura de experiencia vital e memoria, é quen de trasladarnos, nunha prosa suxestiva, a un mosaico composto por centos de teselas que, ás veces, constrúen preguntas e que, cando cómpre, se responden ou serven para explicar, por exemplo, o feitizo que exerce na protagonista  A noite estrelada, de Van Gogh, depositado no MoMA de Nova York, e que constitúe a escena inicial da ficción.

Aneiros consegue que nos introduzamos nun mundo  no que conviven o abatemento coas derrotas mais tamén coas esperanzas. Malia o que se poida crer, estas páxinas desprenden un inequívoco recendo a optimismo, facéndonos reparar naqueles pequenos xestos ou detalles que a vida nos agasalla e que cómpre valorar na súa xusta medida.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem“, o 11 de abril de 2025.