Xosé Cermeño

Días felices con Fábia

Galaxia, Vigo, 238 páxinas, 20,90 €, 2023

Subtitulada como “Unha historia portuguesa” agradoume o reencontro coa voz de Xosé Cermeño de quen hai case trinta anos pouco sabiamos como autor de narrativa para público adulto tras     dous libros que me pareceran, no seu día, certamente orixinais e suxestivos como foron Ciencia de facer as camas e Os nervios da cabeza.

Nesta ocasión segue transitando polos camiños da ironía e o humor, se cadra cunha maior sutileza aínda, para recrear neste Días felices con Fábia dous focos temáticos como son a vivencia do desemprego e os esforzos por atopar un novo traballo entretecidos co pano de fondo dunha historia de amor. Alén de rodear estes elementos con reflexións vinculadas co mundo da bioloxía e con exemplos da impostura e o engano a través da historia, a súa lectura resulta áxil e mesmo divertida ao deseñar un protagonista, realizador de televisión que non atravesa o seu mellor momento, desencantado e, por momentos, cáustico; aínda que tamén covarde, mentirán e cunha irrefreable tendencia a fuxir sen nunca ollar atrás. É o protagonista quen asume con naturalidade a representación da devandita impostura sen límites tanto no plano laboral -carece de experiencia para afrontar o reto que se lle pide aínda que consegue realizalo con solvencia- como no persoal ao comezar unha relación sentimental, velaí os días felices, na cidade de Porto con Fábia, e  aínda ás costas da súa propia muller e da súa familia.

Non queda aquí esta historia do engano, da mentira ollada como nalgún sentido consubstancial á condición humana, pois tamén se reflicten multitude de casos que a exemplifican e simbolizan ao longo do tempo a través da reprodución de historias deste carácter en todos os ámbitos, ao que se suma outro singular núcleo argumental sobre o curioso universo dos polbos en catividade, sempre baixo unha perspectiva narrativa confesadamente cinematográfica ata o punto de que, ao cambiar de espazos, en ocasións inicia os parágrafos remitindo a tipos de planos que el imaxina para contalos mellor onde, polo medio e medio, exhibe sincera e sentida  homenaxe á cidade de Porto.

     Marguerite Yourcenar acusaba aos poetas de facer do amor unha impostura. En parte, esta novela tamén transita estes vieiros.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 8 de setembro de 2023, sección “Ex umbra in solem”.