Alba Díaz Geada

Uma história pequena da Galiza rural (1939-1982)

Através Editora, Santiago, 81 páxinas, 12 € , 2024

Viu a luz hai uns meses un volume ensaístico do que quixera deixar constancia neste blog polo seu interese e orixinalidade. Trátase do traballo Uma história pequena da Galiza rural (1939-1982) do que é autora a doutora e investigadora Alba Díaz Geada.

Trátase este dun libro que se inspira no abondoso traballo de campo realizado pola autora en forma de testemuños persoais -envoltos aquí no anonimato- e levado a cabo durante moitos anos para esencializar, con ferramentas da análise histórica de inspiración marxista, a través duns breves capítulos e cun fío narrativo -por veces mínimo e noutras ocasións máis extenso- por parte da autora cales foron os cambios operados na Galicia rural, cunha ollada aos procesos que modificaron hábitos e costumes do devandito territorio no período que vai desde a fin da guerra civil até os comezos dos anos oitenta, sempre ollados desde diferentes perspectivas para coroar unha visión de carácter global alicerzada en experiencias que cuestionaron nesta época a operatividade do traballo agrícola e que analiza as súas obrigadas modificacións sen esquecer escenarios de represión nese proceso de transformación e tamén de resistencia.

Un traballo moi preciso para a recuperación da memoria, pequeno por breve mais abofé que grande pola súa proxección e porque interpela os nosos tempos desde un cuestionamento das políticas de explotación que se aplicaron unha e outra vez. Anos de penuria, de fame, pobreza e miseria, tamén de solidariedade das propias clases subalternas; anos do desenvolvemento da concentración parcelaria e do impulso capitalista; anos dos cambios derivados da aplicación de políticas dos anos setenta e comezos dos oitenta que obrigan ao abandono da actividade produtiva…, todo analizado xustamente desde a perspectiva de quen case nunca aparece nos libros de historia. Beizón por esta achega tan útil e esclarecedora.