Publicado en abril deste mesmo ano paréceme que esta é a achega, e non outras, que pon o ramo ao ano que se dedicou a enxalzar a figura de Fernández del Riego, protagonista do Día das Letras Galegas en 2023.
Deste xeito a institución da que foi membro correspondente, membro numerario e que chegou a presidir nunha época na que impulsou profundas transformacións, honra a súa personalidade e a súa obra ao incorporar, no seu histórico boletín, tanto as intervencións e relatorios que se defenderon nas Xornadas celebradas en setembro de 2023 en Vilanova de Lourenzá como as alocucións académicas sobre Del Riego que, o 17 de maio igualmente en Lourenzá, pronunciaron Margarita Ledo Andión, Franscisco Díaz-Fierros Viqueira e Xesús Alonso Montero. Tanto as primeiras como as segundas achegas resultan determinantes para trazar, pero non esgotar, o percorrido intelectual e humano de don Paco.
Alén da sección “Vida oficial da RAG” e dunha nota necrolóxica dedicada a Salvador García-Bodaño composta por Anxo Angueira, recóllense as intervencións dunha serie de autoras e autores que formaron parte dunha iniciativa, organizada pola Sección da Literatura da institución, baixo a denominación de “Voces da narrativa” e na que tomaron a palabra Berta Dávila, Brais Lamela, Alberto Ramos, Sica Romero e Cecilia F. Santomé para debateren sobre o proceso de escrita nas novas xeracións.
Por último, cómpre engadir que a publicación pode lerse na súa integridade premendo aquí.
