Stoner

JOHN WILLIAMS

EDITORIAL RINOCERONTE

PÁXINAS 316  PREZO 21 €

Circula na nosa lingua, desde hai algúns meses, o primeiro libro de John Williams vertido á nosa lingua grazas ao traballo de Moisés Barcia. Chego a el de maneira casual por un comentario encomiástico de Enrique Vila-Matas e por ese boca-orella do que, en tantas ocasións, cómpre deixarse levar. En efecto, Stoner é unha novela magnífica, con pasaxes conmovedoras, probablemente soterrada debaixo doutros títulos de voces norteamericanas no século XX que gozaron dunha maior fortuna mediática. Sometida a unha estrutura canónica no seu avance lineal, aborda con transparencia a reconstrución biográfica de William Stoner, desde o seu nacemento nunha granxa de Missouri a finais do século XIX ata a súa morte, pouco despois de xubilarse como profesor universitario, en 1956. Non desvelo nada que o autor non poña enriba da mesa na primeira páxina da súa proposta ficcional na que, como tamén se xustifica nun pequeno limiar talvez irónico, nunha houbo ninguén que baixo ese nome dese clases no departamento de inglés da Universidade de Missouri, lugar no que o propio John Williams (Texas, 1922-Arkansas, 1994) exerceu a docencia.

En esencia, a novela deposita a súa forza motriz nas consecuencias que pode albergar a descuberta, serodia pero determinante, da lectura e da literatura en alguén. Hai unha constante que constrúe o personaxe cifrada en certa inacción, ás veces pasmosa, diante das recorrentes decepcións profesionais e persoais que, aos poucos o van devorando e convertendo nun ser anódino e gris. Malia isto, é tal a forza da voz narrativa e a capacidade descritiva que exhibe que resulta imposible desatenderse dos camiños da  vida de Stoner porque, con eles, visitamos asuntos como son o paso do tempo, a maldade do ser humano, o ensino, o amor, a morte ou as inhibicións dunha sociedade xorda e cega.

É curioso como o autor deste libro, que viu como a edición orixinal non vendía máis de dous mil exemplares en 1965, escribiu á súa conclusión, nun exercicio de fabulación que se converteu en realidade e parello ao do protagonista Stoner, quen igualmente escribira un libro ignorado, que nesas páxinas estaban e estarían para sempre unha pequena parte súa. Quen dubida que así foi e que ben contado está.

Esta reseña publicouse nas páxinas da sección “Ex umbra in solem” do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 2 de febreiro de 2024.