Antom Santos

A História da Luz. Breve biografia política e conversa com Luz Fandiño

Companha Editora, Compostela, 88 páxinas + arquivos documental e fotográfico, 15 €, 2025

Chego ao que é, para min, primeiro libro deste selo editorial –Companha Editora– pertencente á cooperativa Sacauntos. Trátase dun traballo de Antom Santos que afonda con profundidade na biografía da poeta Luz Fandiño e que se acompaña tanto de dous prólogos, a cargo de Goretti Sanmartín e Laura Bugalho, como dun anexo que incorpora unha conversa que realizara con ela o extinto Grupo de Estudos da Fouce (Bertamiráns, Ames, 2008). Alén disto, o libro complétase con dous arquivos: un de carácter documental e outro, máis abondoso, con fotografías que percorren a biografía da poeta compostelá.

Teño para min que este é un traballo feito con rigor, que se centra no perfil humano e, xaora, político de Fandiño e que deixa, para outra ocasión talvez e para outras voces se cadra, unha análise da súa abondosa obra literaria que, con todo, queda aquí referenciada e que, ademais, foi editada xustamente por Sacauntos Editora. Santos percorre, así pois, os socalcos vitais máis salientables de quen foi unha activista comprometida, combativa, tanto no feminismo como no ámbito do nacionalismo galego. A traxectoria aquí exposta vai, así pois, desde os anos da súa infancia e do contexto familiar e territorial no que medrou para pasar á emigración á Arxentina que realiza en tempos do peronismo e chea de situacións inxustas e case escravistas, para logo trasladarse a París -na época do Maio do 68- e, finalmente, analizar o seu retorno a Compostela. O traballo afonda, e ese é un valor indiscutible que abraza este ensaio, na explicación pormenorizada dos momentos históricos en que a existencia de Luz Fandiño se move, alén de amosar un coñecemento polo miúdo da figura biografada e, ao tempo, contar cun bo pulso para contar a súa vida. Parabéns por esta achega.