Xosé Manuel del Caño
Ósos de santo
Embora, Ferrol, 142 páxinas, 16 €, 2023
Ao fío do volume Un tiro para Méndez Ferrín e outras historias, o xornalista Xosé Manuel del Caño retoma, en parte, este tipo de xénero híbrido entre o ensaio, o relato, a investigación xornalística e o memorialismo. Faino nunha nova entrega, acompañado dunhas páxinas limiares de Vicente Araguas e outras epilogais de Ramón Caride e, como é norma nel, nunha prosa áxil, non exenta nunca de ironía e retranca, operativa para mergullarse nun amplo abano de asuntos de corte literario, social, político, antropolóxico ou cultural que viaxa desde un deses aneis misteriosos dos nove bispos santos que se retiraron en San Estevo de Rivas de Sil, para vivir os últimos días da súa vida no mosteiro ata os hábitos que abrazan, diante do folio ou da pantalla en branco, dun bo número de voces da nosa literatura contemporánea como son Manuel Rivas, Marilar Aleixandre, Margarita Ledo, María Xosé Queizán, Fina Casalderrey, María Canosa, Lupe Gómez, Antón Reixa, Alfredo Conde, Antón Riveiro Coello, F. X. Fernández Naval, Claudio Rodríguez Fer, Rexina Vega, Fran Alonso, Francisco Castro, Inma López Silva, Emma Pedreira, Helena Villar, María López Sández, Luz Darriba, Rábade Paredes ou Carlos G. Reigosa, entre outros.
Un libro compilatorio, que tamén incorpora textos realizados ad hoc, para visitar outros focos de atención que van desde a biblioteca de Blanco Amor ata cuestións de filiación máis política; da paixón entomolóxica de Méndez Ferrín ao roubo da Virxe de Cristal e o asasinato de Adolfo Enríquez, sacerdote de Vilanova dos Infantes; do universo da música galega ás figuras de Paco Roque e Xan da Coba ou de Castelao ao erotismo na literatura galega por só citar algúns.
Ósos de santo constitúe un deses libros singulares, dos que moito se aprende e que, particularmente, saúdo con admiración.
