É máis que posible que o entusiasmo que me suscitou a lectura deste libro constitúa, para algunhas persoas, algo desmedido. Conto con iso; mais tamén conto con que estas liñas avisen ás persoas interesadas da publicación dun libro clave para entender biográfica e literariamente as figuras de Otero Pedrayo e de Fernández del Riego, por extensión unha parte substancial da resistencia galeguista de posguerra. Epistolarios hai publicados tanto dun coma do outro intelectual mais, se cadra, ningún coma o presente.
Trátase do volume Rexistros no vento. Epistolario de Otero Pedrayo e Fernández del Riego, que ve a luz grazas á Sección de Literatura da Real Academia Galega e que, igualmente, pode ser consultado en liña desde a sección de publicacións do sitio web da propia institución. O profesor e académico Xesús Alonso Montero prologa con atinadas e documentadas palabras que poñen o foco nos elementos máis substantivos deste epistolario, articulando así unha especie de rigorosa cartografía previa que dá conta do contido das cartas, dos contextos en que se escriben e dos seus aspectos máis salientables. Quen dubida que estas son liñas de extraordinaria utilidade para internarse nestas 438 cartas cruzadas entre Otero e Del Riego e escritas nun período que vai de 1934 a 1975.
Todo este corpus epistolar aparece incorporado grazas ao traballo de Patricia Arias Chachero, responsable da edición e dun extenso corpus de notas que, ao mesmo tempo, ilumina moitas das situacións, contextos ou proxectos que aquí aparecen reflectidos, entre eles, por poñer só un exemplo, diversos títulos aínda inéditos de Otero Pedrayo. Traballo, gustaríame subliñar, especialmente valioso o da profesora Arias, tanto cuantitativa como cualitativamente e case me atrevería a adxectalo como heroico pois quen tivese a fortuna de ver a caligrafía orixinal do autor de Arredor de si sabe das dificultades para o preciso labor de transcrición, algo que nestas cartas recoñece o propio autor.
Mais, que supón hoxe este libro? A meu entender posibilita, por un lado, aproximarnos a aspectos biográficos até agora descoñecidos tanto de Otero como de Del Riego e testemuña, de vez, os fortes fíos que sostiñan a súa amizade. Con todo, o volume vai máis alá pois moitas destas cartas recollen acontecementos de carácter cultural ou político de elevado interese para calquera historiador ou sociólogo da literatura. Otero consideraba a Del Riego como unha persoa moi achegada desde o punto de vista afectivo: un “irmán” no sentido das Irmandades da Fala e case un fillo en ocasións. Deste último constátase, como xa foi sinalado o ano pasado en diversos lugares e achegas, o traballo clave que, sacrificando tantas veces leceres e descansos, desenvolveu en Galaxia, na Penzol ou en Artes Gráficas Galicia asumindo, como sinala nunha carta de 1974, que perseveraría na continuidade dun esforzo dirixido ás “novas xeneracións, como fixeron vostedes coa nosa”.
Ambos os dous compartían, se se quer, unha visión da vida case golardiesca e hedonista da vida cando as circunstancias así o permitían, traducido este carácter en numerosos encontros gastronómicos, moitos deles en casa de García-Sabell. Pero hai máis: Otero, que case sempre fai literatura nas súas cartas, chega a confesar con oitenta e un anos feitos e na única carta en castelán do epistolario a atracción que sente pola idea do suicidio, algo sorprendente nunha persoa de férreas conviccións católicas. Aquí podemos igualmente atopar páxinas esclarecedoras sobre a fundación da editorial Galaxia, sobre a reposición da súa cátedra en Ourense ou mesmo arredor do proceso opositor que seguiu para conseguir unha praza como profesor na Universidade de Santiago de Compostela; velaquí tamén a intrahistoria dos tres tomos da Historia de Galiza ou os acontecementos que protagoniza a Real Academia Galega na vida dos dous intelectuais. Páxinas que conviven con outras conmovedoras como as que se ocupan da morte de Castelao ou aqueloutras que describen o irremediable paso dos anos e a soidade, que el chama “lúas de desalento”. Soidade só quebrada coas visitas das amizades, entre elas as de Del Riego e a súa esposa Evelina Hervella, e coa transmisión nítida do universo que conformaba a Casa Grande de Trasalba, coa que se confundía e que vía en ocasións como un navío e outras como un ser vivo que alentaba e que se adaptaba ás diversas estacións do ano e na que vivía unha fantasma do século XIX, tal e como se consideraba a si mesmo. Unha casa en que hoxe, afortunadamente, latexa aínda o espírito xeneroso de Otero: aberta a todo o mundo que queira visitala e onde calquera persoa é sempre recibida con atención e agarimo.
Este artigo publicouse o 16 de xuño de 2024 nas páxinas de Cultura de La Voz de Galicia.
