Patricia Arias Chachero (introdución e escolma)

As poetas da colección Salnés

Galaxia, Vigo, 120 páxinas, 18,50 €, 2025

Alegroume acceder a este volume editado por Galaxia porque supón, que eu saiba, a estrea dunha colección titulada “Biblioteca 75 anos”, ao coidado de Patricia Arias e Dolores Vilavedra, que repara e pon o foco nesta ocasión naquelas voces de mulleres que se incorporaron ao catálogo da histórica colección Salnés de poesía, das que se ofrece unha asisada escolma da man da profesora Patricia Arias, responsable igualmente dun clarificador e documentado prólogo que sitúa no contexto adecuado a publicación de libros pertencentes a un abano moi heteroxéneo de voces como foron María do Carme Kruckenberg, autor de Canaval de ouro en 1962; Pura Vázquez, en 1963, con A saudade i outros poemas; e dúas poetas alófonas como foron María Manuela Couto Viana e Anne Marie Morris, que publicaron Frauta lonxana (1964) e Voz fuxitiva (1965), respectivamente. Alén de todas estas voces tamén se incorpora ao libro Xohana Torres, incluída nesta escolma pois foi a primeira muller en publicar en Galaxia e porque tivo intención de publicar en Salnés, malia non facelo, tal e como indica a editora.

Un debut ilusionante o desta colección do que xa agardamos novos froitos e que serán, ao que puidemos saber, nove libros máis. Parabéns pola iniciativa.