Non adoito frecuentar as librarías de vello pero, de cando en vez, é bo deixarse pasar por algunha delas e non resulta difícil dar con algunha sorpresa. Hai un par de semanas encontrei un exemplar de Fillo de Eva, unha antoloxía de oitenta e oito poemas de Ricardo Carvalho Calero que vira a luz na Colección Esquío de Poesía no ano 1992, de maneira que constituía, se non estou errado, a primeira antoloxía que viu a luz tras a morte de Carvalho Calero, acontecida daquela tan só dous anos atrás.
Se ben xa apareceron outras escolmas hai pouco tempo, a presente encerra o valor de que estaba subscrita baixo a responsabilidade de Pilar Pallarés quen, alén de seleccionar os poemas desde Vieiros (1931) até Reticências… (1986-1989) e anotalos luminosamente, incorpora un estudo preliminar verdadeiramente brillante. Calquera pode confirmar, así, a profusa documentación manexada e o carácter sistemático e definitivo das súas lecturas e valoracións. Ao meu ver é esta aínda unha das grandes análises críticas publicadas arredor da poesía do escritor ferrolán. Alégrome ter chegado a ela aínda que fose tantos anos despois da súa publicación e dunha maneira casual.