Orbital

Samantha Harvey (tradución de Juan Manuel do Río)

Rodolfo e Priscila, Santiago, 19,50 €, 196 páxinas, 2025

É case unha obriga, e con máis razón cando está vertido á nosa lingua, achegarse ao que se escribe arestora, e mesmo chega a premiarse, en sistemas literarios máis ou menos próximos. Neste caso o selo Rodolfo e Priscila así o posibilita cunha tradución a cargo de Juan Manuel do Río que permite, así pois, internarnos nun mundo ben insólito como é o que deseñou a escritora inglesa Samantha Harvey na súa novela Orbital, galardoada co Premio Booker en 2004, un dos premios máis destacados no panorama das letras británicas.

        Afirmaba que un mundo insólito porque Harvey, que goza dunha habilidade descritiva en ocasións engaiolante e inesquecible sobre todo cando nos convida a ver a Terra desde as alturas, é quen de manter acesa a chama da tensión precisa por volta, e nunca mellor dito, das vivencias e obrigadas complicidades que simbolizan seis astronautas que conviven sen privacidade, a xiraren unha e outra vez ao longo de nove meses arredor da Terra nunha misión rutineira a bordo da Estación Espacial Internacional.

        Asistimos así nestas páxinas a un exercicio transparente -é de supor que documentado ata a extenuación mais sen que se vexan as costuras- que nos desvela as dinámicas que o traballo cotián da tripulación esixe, isto é, o coidado da nave, os rexistros dos datos meteorolóxicos, a observación de diferentes fenómenos ou os experimentos que levan a cabo mais tamén no libro planea esoutra realidade que é a da vida que deixaron na Terra e á que, loxicamente, queren volver. Esa vida tan semellante mais tan distinta para cada un dos membros da tripulación: inzada de problemas nalgúns casos, chea de expectativas por cumprirse para outros, con soños que fan posible crear un obxectivo e amarrarse a el, mentres pasean a ollada polo extraordinario que supón ver o que se asoma fóra desde a atalaia da incansable estación espacial.

Na entrega do premio Booker a autora afirmou e, parafraseo, que todo aquilo que lle facemos á Terra, e somos conscientes das súas fatais consecuencias, estamos a facérnolo a nós mesmos. En efecto, alén das historias que aquí se cruzan, deséñase un percorrido eco-crítico dominado por unha chamada de atención á devastadora “política do desexo” e a esa necesidade innegociable de ter sempre máis. É este Orbita, en fin,  un libro que exerce unha rara fascinación non sei se pola atracción que sentimos polo “azul-sempre-eléctrico” do noso planeta ou se talvez porque permite vernos a nós mesmos, e o que facemos, desde unha  perspectiva infrecuente.

Este texto publicouse nas páxinas de información cultural de La Voz de Galicia, o 19 de maio de 2025.