Son dos que comezou a saber da existencia dun cine propio grazas ao crítico e escritor Miguel Anxo Fernández que conducía o programa “Galicia no cine”, nunha TVG que acababa de nacer. Poñamos o ano 1986 ou así. De aí que un chegara, case ao mesmo tempo, ao visionamento dun documental memorable de Carlos Velo -“Galicia” (1936)- xunto con aquela conmovedora curta titulada “Mamasunción” (1984), á que pouco tempo despois seguiría a brillante “Sempre Xonxa”, do lembrado Chano Piñeiro.

Talvez por esas descubertas que cadraron no tempo  -epifanía semellante a outras que, por factores diversos, se poden dar nunha cultura como a nosa- un sempre estivo especialmente atento ás películas que se situasen nese ronsel de cine propio, se se quer cine galego, e aínda máis se este dialoga coas historias que beben no noso territorio literario. E, se cadra, un dos libros máis afortunados para suxerir o diálogo con outra manifestación artística como é o cine foi Arraianos, de Xosé Luís Méndez Ferrín, grazas ao recente traballo de Ángeles Huerta en “O corpo aberto”. Dun dos títulos que lidera o meu canon literario persoal gustei moito da adaptación cinematográfica realizada: quen sabe se todo sería igual, tampouco tería porqué, ao que se constrúe imaxinariamente cando un le, pero dun xeito ou outro, a transparencia na reprodución dunha atmosfera ofegante e opresiva, enigmática e perturbadora,  é un dos seus indiscutibles acertos. Na película explórase e reflíctese a esencia do relato, isto é, aquilo que nos habita a cada un de nós, afonda nos esteos da identidade, profunda nas fronteiras dos espazos e dos corpos, esculca na pulsión sexual entre os personaxes, constata ese continuum  inapreixable que supoñen as terras fronteirizas e deixa á luz o feitizo que encerran, de seu, os elementos emocionais, antropolóxicos e lingüísticos.

Huertas revelou, como Cuerda ou Reixa hai tempo, que hai historias espléndidas para facer delas un relato visual magnífico. Ela fíxoo desde as instancias do talento e o respecto a un relato como é “Lobosandaus”, co traballo dun equipo inmellorable. Quen dubida que hai máis, moito máis, que ofrecer á cinematografía propia desde o corpus narrativo galego. Oxalá se avance con persuasión nesa dirección nos vindeiros anos.

Este artigo publicouse no suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 9 de febreiro de 2024, na sección “Ex umbra in solem”.