Carlos L. Bernárdez e Xosé Ramón Mariño Ferro

Bestiario en pedra

Laiovento, Santiago, 275 páxinas, 29,95 €, 2024

Hai unha palabra común nos títulos de obras literarias galegas que subscriben voces como as de Raquel Castro, Antonio M. Fraga, Nacho Taibo, Miguel Anxo Murado, Francisco Rozados ou Martiño Suárez, entre outras, que é a palabra “bestiario”, sen esquecer o  propio Cunqueiro que chegara a escribir tanto un breve “Diccionario manual de bestias marinas” como unha sección dedicada ao “mundo e á fauna máxica” na súa Escola de menciñeiros (1960), se cadra influído -quen sabe- polo borgiano Manual de zoología fantástica (1957).

Mais nesta ocasión son López Bernárdez e Mariño Ferro, que xa traballaran conxuntamente en varios proxectos vinculados coa recolla de romances populares galegos, os que en forma de ensaio, agora revisado e reeditado, nos achegan un “bestiario en pedra” sorprendente.  No limiar da obra reproducen unha palabras de Víctor Hugo que, dalgún xeito, dan sentido ao propio libro: “Na Idade Media, o xenio humano non pensou nada importante que non o escribira na pedra”. En efecto, co obxectivo de afondar na divulgación do noso patrimonio articúlase un libro verdadeiramente asombroso polo que ten de descubertas. Nel perséguese pór en valor unha parte pequena mais substantiva dese tesouro artístico orientado cara á arte medieval, mergullándose así no rastrexo, e posterior exposición razoada, das representacións de animais fabulosos e as dimensións simbólicas que abrazan, ás veces cruzadas por crenzas sobrenaturais e outras por motivacións relixiosas. Animais, por certo, que contan cunha presenza recorrente, por exemplo, nas marxes de diversos manuscritos, nos capiteis, nas gárgolas, nos cadeirados de coro ou na chamada escultura decorativa.

Como os autores se encargan de subliñar é en Galicia onde estes animais fabulosos gravados na pedra enraizaron con forza. Velaí aqueles animais que se poden enxergar nas catedrais de Santiago e Ourense ou en diferentes capelas e igrexas que hai na nosa terra. Espazos que testemuñan a nosa riqueza imaxinística como ben amosan os exemplos de anfisbenas -bestas mitolóxicas representadas como serpes cuxos extremos son dúas cabezas-, basiliscos, centauros, dragóns, grifóns, harpías ou sereas peixe que, estou certo, han seguir marabillando a quen se achegue a coñecer o seu significado.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem”, o 14 de xuño de 2024.