Raül Hurtado e José Ibáñez

Paremos a invasión. Que o plástico non nos domine (ilustracións de Claudia Mosquera)

Embora, Ferrol, 40 páxinas, 18 €, 2024

Lin xa hai uns meses este volume de carácter divulgativo presentado en forma de álbum ilustrado e non quería deixar a oportunidade de referirme a el neste blog.

A iniciativa, vertida ao galego por Carmela Mor, ofrece un percorrido visual e explicativo, dirixido a un público que tanto pode ser infantil como xuvenil, a través de tres voces como son Aldo, Greta e Isa, arredor da chegada do plástico aos usos cotiáns hai xa 150 anos, pero repara en como algo que en primeira instancia estaba destinado a facilitar a vida pode converterse, e de feito xa o é, nunha verdadeira ameaza para o noso presente e inmediato futuro.

Un libro formativo, abofé, mais tamén informativo e que apela á conciencia necesaria conciencia ecolóxica. Moi recomendable tanto pola importancia dos seus contidos como pola solución escollida para expolos e abofé que moi útil para traballar proxectos vinculados co medio ambiente e mais a reciclaxe.