Xoán C. Domínguez Alberte
Faíscas (ilustracións de Minia Domínguez Diéguez)
Laiovento, 66 páxinas, 11,95 €, 2024
Non é ocasión de entrar no vello tema dos valores terapéuticos ou paliativos que pode encerrar a literatura e, concretamente, o exercicio da creación literaria, así como a lectura e, en xeral, os libros. No que atinxe á poesía, Alejandra Pizarnik afirmaba que escribir neste xénero supuña exorcizar, conxurar e reparar: reparar antes ca nada a ferida fundamental que é a esgazadura pois, ao seu entender, todas as persoas estamos feridas. Estes son os territorios polos que se move este libro que procura entender de onde veñen, cal é a razón que as motiva e se, finalmente, cicatrizan.
Unha achega poética —ben diferente dentro da traxectoria poética de Domínguez Alberte— que conta coas ilustracións simbólicas da filla do autor, Minia Domínguez Diéguez, e co asesoramento gráfico de Katharina Ojea. Imaxes que interpretan o contido dos poemas que, á fin e ao cabo, ela mesma inspirou. É este, así pois, un libro que incorpora un diálogo interartístico de ida e volta. Agroma, asemade, desde as instancias da reflexión sobre a amentada esgazadura e colle forma con vagar a través dos poemas breves, todos eles de doce versos, tres estrofas e rima medida, e da interpretación gráfica e artística desenvolta nun longo proceso hospitalario de Minia. A ambivalencia significativa do título, que vai desde a folla seca do piñeiro pasando pola folerpa ata a partícula con lume que provoca un estoupido de luz final, fai pensar que este é un libro que estimula a reflexión cimentado na dureza que implica a enfermidade, calquera doenza, ata esas iluminacións conclusivas que abrazan a esperanza.
Dividido en dúas partes, a primeira semella centrarse nas reaccións cotiás á doenza: por veces ineludibles, en ocasións perentorias, e sempre marcadas pola incerteza e polo feito de se achegar a situacións límite; na segunda parece que o mundo da natureza cobra unha maior relevancia como contrapeso posible da dor: «Coma se algo saíse / con forza ao pouco da nada / nunha luz contra o poñente / agroma o abraio da alba».
Poemas, en fin, que malia a súa inspiración ou talvez por esa mesma razón, resultan, ao meu ver, de proxección universal.
Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem“, o 4 de outubro de 2024.
