Calros Solla
herba de vigo
Morgante, Cangas do Morrazo, 106 páxinas, 18 €, 2025
Vía con certa frecuencia a Calros Solla nunha terraciña do barrio de Lavadores, espazo que habitamos desde a súa singularidade, que tamén a ten. Sempre concentrado con numerosos papeis, escribindo a man, corrixindo ou creando, non o sei ben. Afirmo isto porque, na realidade, sempre pensei que talvez avanzaba nalgunha pesquisa das que nos ten afeito nese proxecto único chamado Cerdedo in the Voyager; nalgunha esculca que se relacione cunha segunda parte do sorprendente daquela Crónica da Galiza bizarra, ou quen sabe o que porque Solla é dos letraferidos de produción máis recorrente e sorprendente que coñezo, mais non sospeitaba que, se cadra, ideaba, pulía ou corrixía algún dos poemas que constitúen esta marabilla que é herba de vigo.
O libro, que conta cunha imaxe marabillosa de Urbano Lugrís na cuberta e que xoga desde o seu título coa ambigüidade que ofrece entre a planta forraxeira e o percorrido poético pola cidade, é algo inesperado mais, talvez, ben preciso porque establece un diálogo fresco e vivo coa cultura galega e viguesa, instalado na ironía, no humor e na visión crítica dunha realidade pola que transita para que poidamos vela desde outra perspectiva. A medio camiño entre os poemas vigueses de Ferrín, de Helena de Carlos, de Reixa ou Rompente, Solla ofrécenos un xogo continuo desde a cerna que constitúe a palabra que describe un espazo e unhas xentes. Son estes dous elementos -o territorio e a súa singularidade, as persoas que habitamos a cidade e a nosa idiosincrasia- os que dalgún xeito se retratan con habilidade e cunha verdadeira exhibición das posibilidades que ofrecen os xogos lingüísticos e aforismos abrazados para revelar os detalles dunha cidade que por veces non chegamos a comprender na súa globalidade.
Prologado con acerto polo profesor X. Henrique Costas, este libro confirma como a nosa é unha cidade na que hai algo máis, moito máis, que histrionismos, verticalidades e unhas luces leds. Parabéns.
