Por sorte resultaría posible suxerir ducias de escollas entre as novidades editoriais en lingua galega publicadas nos últimos meses. Velaquí unha escolma moi heteroxénea que contempla traducións, xéneros, épocas e estilos distintos; voces diferentes e unha calidade final inequivocamente contrastada.

<<A FOTOGRAFÍA 51>>

MARÍA CANOSA

*** BAÍA EDICIONS

PÁXINAS 88  PREZO 15

Con solvencia narrativa María Canosa ofrece unha áxil biografía novelada, tecida co xénero epistolar, que reivindica a figura da química Rosalind Franklin que traballaba coa cristalografía dos raios X: unha desas mulleres que ficaron na sombra dos recoñecementos malia ser a responsable do achado que dá o título ao libro e que posibilitou a descuberta dun avance científico clave como é a estrutura do ADN.

<<WOMANHAUS. HISTORIA ILUSTRADA DAS ARTISTAS DA BAUHAUS>>

DAKOTA HERNÁNDEZ

*** BULULÚ

PÁXINAS 152  PREZO 19

En tradución de Xosé Duncan podemos gorentar un libro editado requintadamente con ilustracións da propia autora. Velaquí a historia dunha institución pedagóxica, experimental, integral e vangardista no seu tempo como foi a Bauhaus, mais que orienta o seu foco cara ás mulleres cheas de talento que a integraron, as máis delas sometidas a moitos prexuízos na súa época e aínda esquecidas na actualidade.  

 <<TABIBA>>

MARÍA XOSÉ PORTEIRO

*** EDITORIAL ELVIRA

PÁXINAS 144  PREZO 18

Nunha cartografía que nos arrastra con mestría da Mariña lucense ata o Alto Atlas e do deserto do Sahel, a Barcelona ou Londres, Porteiro é quen de introducirnos con solidez e intensidade nunha historia que mestura elementos de xinea xornalística, histórica e cultural cos aspectos máis contraditorios que o ser humano atesoura e, abofé, cunha certeira reivindicación da causa feminista e dos pobos oprimidos.

<<IMAGO>>

HELENA DE CARLOS

*** KALANDRAKA

PÁXINAS 144  PREZO 18

Helena de Carlos coce a lume lento a súa produción poética o que, talvez, explique que este sexa un libro coidadísimo e luminoso que impacta e apunta á cerna das experiencias. Velaquí un camiño que afonda nos sucos da memoria e nas metamorfoses; rescata e fálanos dos mitos non só clásicos; pendúrase do silencio para abrazar o abraio da vida e a forza da natureza. Poesía e palabra como revelación.

<<UNHA HISTORIA DA ARTE GALEGA>>

CARLOS L. BERNÁRDEZ

*** LAIOVENTO

PÁXINAS 308  PREZO 44,95

Carlos L. Bernárdez atesoura un brillante currículo como historiador da arte e comisario de diversas exposicións. Boa proba disto é este libro que abraza a idea dun relato inscrito na nosa tradición en diálogo co que vén de fóra e é quen de interpelarnos, desde a nosa singularidade, arredor do que simboliza un percorrido iniciado cos petróglifos ata, neste ensaio, os anos oitenta do século pasado.

<<AS GRATITUDES>>

DELPHINE DE VIGAN

*** HUGIN E MUNIN

PÁXINAS 152  PREZO 15

É unha fortuna ler esta novela da escritora Delphine de Vigan na tradución, creativa e exemplar, de Xavier Senín. Éo porque, sen sentimentalismos, estas páxinas deseñan con austeridade un círculo alimentado polos afectos e os recordos, pola dor e a soidade, polos coidados e a importancia da palabra e as consecuencias da súa perda. Por riba, apréndenos a importancia de saber dar as grazas con sinceridade.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 21 de xullo de 2023.