Alén da celebración dalgúns actos conmemorativos no seu momento e da aparición de diversos artigos xornalísticos a conmemoración da Revolución dos Cravos entre nós suscitou a aparición dalgúns libros. Entre eles cómpre citar este, coordinado por Carlos Pazos-Justo e Roberto Samartin que, desde unha perspectiva galega, persegue abordar algunhas das claves do célebre proceso histórico, cal foi a súa proxección e relevancia no noso país e, ao tempo, trae para o presente algúns textos memorialísticos que resultan de inescusable interese.
Ademais da participación dos coordinadores, baixo a epígrafe de “depoimentos” atópanse colaboracións de Fernando Rosas, Henrique Barreto, Manuel Duran (capitán de Abril, de ascendencia galega), Martinho Montero Santalha, Margarita Ledo, Manuel Mera e Vicente Araguas. Acóllense a seguir, dentro do apartado “abordagens”, as achegas de Elias J. Torres Feijó, M. Felisa Rodríguez Prado, Fernando Martínez Arribas, Sónia Duarte e Alexandra Paz. Finalmente tamén merece salientarse a incorporación de diverso material fotográfico e documental da man das persoas colaboradoras, da colección Sanxiao-Lodeiro e das herdeiras do cantautor galego Benedito.
