Un grupo de persoas vinculadas co IES Lucus Augusti, da cidade de Lugo, acordou con acerto e xustiza homenaxear a Xesús Alonso Montero no día de hoxe. Neste acto participarán antigos alumnos e compañeiros do profesor que exerceu a docencia na cidade de 1960 a 1975. Eu, malia non ser lucense, gustaría de acompañar o vello amigo e profesor pero diversas circunstancias impídenme facelo.

          Lugo foi moi afortunado ao contar co maxisterio directo de Alonso Montero durante todos eses anos como, estou certo, diversas persoas se encargarán de recoñecer. Pero, ademais, Lugo e o célebre “Gil Yuste, nº 15”, domicilio do profesor, foi o berce de numerosos proxectos intelectuais -mesmo aínda algúns deles inéditos- que valorados desde a distancia temporal  cobran unha dimensión singular ao tempo que magnifican a figura de quen os ideou e levo a cabo nunha época, non se esqueza, de penurias e dificultades para a cultura galega.

          Do Lugo de aceiro e mel, no verso de Lorenzo Varela, pasou a vivir na cidade de Vigo: esa laboriosa abella da ribeira en palabras de Lueiro Rey. En 1979, talvez un ano despois, asistín a unha homenaxe colectiva tributada a Darío Álvarez Blázquez, Luís Seoane, Celso Emilio Ferreiro e, talvez, Blanco-Amor, da man dos meus avós sospeito  que por seren pacientes do do doutor Álvarez Blázquez. Sentín, daquela, o poder da sedución que repousaba na palabra do profesor, organizador daquel acto literario e cultural.

          Case cincuenta anos despois un ten a sorte de seguir a súa palabra con idéntica fascinación, desde a amizade, aprendendo sempre a seguir adiante. Beizón, don Xesús!

Este artigo publicouse nas páxinas de Cultura de La Voz de Galicia o 19 de abril de 2024.