Claudio Pérez Díaz e Claudia Pérez Moratilla

Un gorro ruso

Xerais, Vigo, 104 páxinas, 16,95 €, 2023.

Debo comezar estas liñas con tres breves reflexións que entendo como importantes: é este un libro xa distribuído a comezos do ano pasado pero que, por diversas razóns, só puiden ler hai unhas semanas. E foi unha sorte a súa escolla, aínda que serodia, porque é desa estirpe que merece escribir sobre el aínda que sexan unhas liñas.

       En segundo lugar, cómpre tamén deixar constancia de que este libro é un exercicio de memoria en forma de crónica: desa memoria fundamental para entendernos e que, como Almudena Grandes afirmaba, se anoa á forza co presente e co futuro pois sen coñecermos de onde vimos “non poderemos saber quen non queremos ser”.

       Por último, mais non menos importante, cómpre consignar algo fermoso e inhabitual: é este un libro que se concibe grazas á existencia doutro anterior que caeu nas mans dos autores e que  activou felizmente a necesidade de trasladar por escrito o que eran historias orais vivas na contorna familiar. O libro responsable deste foi Un señor elegante, de Suso de Toro, ao meu ver un dos grandes libros desta década.

Mais que é concretamente este Un gorro ruso? De maneira sintética deseña un percorrido diacrónico que desvela  as claves biográficas dos irmáns Manuel (médico) e Claudio Pérez Prieto (farmacéutico): dúas figuras recuperadas agora por dous descendentes deles. Non se busque no libro destacados valores literarios porque non os hai nin tampouco, coido eu, era esa a intención de base: antes ben o obxectivo prioritario era o de ofrecer unha ferramenta máis de coñecemento do noso pasado. Os irmáns Pérez Prieto ocupaban, fóra dos territorios de Ribadeo e fronteirizos con Asturias, case unha nota a pé de páxina na historia do galeguismo. O seu compromiso con esta causa e a súa defensa da República supuxo para eles quebrar o seu futuro: Manuel sufriu torturas, cárcere (Celanova foi un dos lugares no que o destinaron) e un longo exilio interior; Claudio fuxiu, logo dunha peripecia case inverosímil, ata Nova York, regresando ao final da súa vida á que era a súa casa. Cantas destas historias aínda están presentes aínda só na memoria dos familiares? Por extensión, este é un bo exemplo de tanto que probablemente queda aínda por facer.

Esta recensión viu a luz nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem“, o 17 de xaneiro de 2025.