Xoana Pintos Barral e Francisco Collantes Carollo
Jesús Pereira Vilariño. Un mestre inesquecible
Companha Editora, Santiago, 96 páxinas, 10 €, 2025
Unha sorte acceder a este pequeno e coidadísimo ensaio titulado Jesús Pereira Vilariño. Un mestre inesquecible, ao que chegamos grazas ao empeño de Companha Editora e, abofé, de Xoana Pintos e Francisco Collantes que ofrecen unhas páxinas biográficas, pero non só, ao meu ver cargadas de mérito e rigor.
Editado con moito acerto, conxuga un formato pequeno e manexábel, coa reprodución de numerosas fotografías, documentos e dous apéndices de extraordinario interese que incorporan, en primeiro lugar, un texto do propio mestre sobre o proxecto pedagóxico que defendía -creo que para todos os que somos docentes de lectura obrigada, estimulante e marabilloso aínda hoxe- e outro que reproduce boa parte da documentación xerada polo proceso de depuración ao que foi sometido.
Prologado, con moito acerto ao meu ver, por Ramón García-Bodaño Pereira, neto do mestre Pereira, este é un libro relevante na súa inmanencia porque, alén doutros méritos, pon en valor a traxectoria biográfica dun mestre republicano represaliado no franquismo. Un mestre, con verdadeira vocación polo seu traballo e defensor das novas teorías pedagóxicas que xa puxo en práctica nos anos trinta do século pasado, apreciado polo seu alumnado e que tivo que padecer nas súas propias carnes a intolerancia, é un espello desa xeración das luces da República.
Non desvelo aquí todos os contidos deste libro, que afondan tamén no contexto familiar e que vai desde os seus estudos de Maxisterio ata a escola de Santa Cruz de Ribadulla, en Vedra, pasando polo seu traballo en centros privados -a preceptoría San José e a Academia Minerva-, pola súa responsabilidade no periódico escolar Vamos– ata os anos pasados na Escola Normal de Compostela, pois coido que este libro demanda, para as persoas interesadas, unha oportunidade que facilite coñecer por propia man unha biografía modélica, que cómpore coñecer, e de mans dadas coa historia da nosa pedagoxía e da nosa historia. Beizón por esta achega.
