Susana S. Arins

Cinco corujas (ilustracións de Andrea López)

Através, Santiago, 100 páxinas, 14 €, 2023

No Courel aturulaba a curuxa, escribía o grande Uxío Novoneyra. Tres palabras abondáballe para asociar, grazas ao fonosimbolismo, a similitude entre a ave e son que emitía, isto é, eses sopridos que imitaban a orde explícita para gardar silencio. A curuxa: esa ave que conta cunha presenza minguante entre nós polo despoboamento do ámbito rural, asociada a un imaxinario negativo por de ser ave de rapina con hábitos nocturnos e por ocupar territorios dominados polo abandono e o silencio.

Todo isto, e outras cousas, veume á cabeza ao ler Cinco corujas: última proposta creativa de Susana Sanches Arins que conta cunhas magníficas ilustracións a cargo de Andrea López. Dalgún xeito, sospeito que sen intención, o libro vaille outorgar un carácter diferente á ave ao converterse en símbolo, nesta ocasión, dunha contorna familiar composta por un núcleo cinco irmáns e irmás que aínda non saíron dun niño que vén sendo a casa familiar do Foxo (A Estrada).

A escritora vilagarciá, que sabe da relevancia da ironía como recurso do distanciamento -aínda máis nunha entrega se se quer confesional ou propia da auto-ficción- afonda de novo nos ángulos da memoria, ao escoller unha voz narradora homónima, aínda que non sempre, potenciando a sensación de verosimilitude ao deseñar o universo dunha infancia e dunha mocidade, afastada de tópicos e prexuízos, que neste caso se presenta a debaterse, ou a transitar simplemente, no gume dun mundo tradicional e rural, que logo sabemos que se esboroa e no que o encaixe sempre desas cinco curuxas conta con algunhas peculiaridades, e unha modernidade, asociada a outros valores talvez, que asoma de maneira imparable. Nesa cartografía, neste territorio reconstruído está presente o afecto, a comprensión e a proximidade; tamén mesmo naqueles textos onde o medo, a inseguridade, as dúbidas que rodean a propia identidade ou a percepción do perigo chegue a dominar o ton dos relatos ou dos textos poéticos que se incorporan: estrutura ensaiada nunha proposta anterior da autora que deitara, igualmente, excelentes resultados.

Arregalan os ollos as curuxas deste libro. Ábrense así a todo aquilo que é novo, á aprendizaxe, ao territorio, á experiencia e ao propio mundo. Un luxo comezar este novo ano así.

Este textou publicouse nas páxinas da sección “Ex umbra in solem”, do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 29 de decembro de 2023.