Óscar Reboiras

A agonía das folerpas

Galaxia, Vigo, 415 páxinas, 23,50 €, 2022

Óscar Reboiras (Rianxo, 1979), especialista na obra de Wenceslao Fernández Flórez, resultou galardoado con esta densa e traballada proposta no II Premio de Novela da Galicia Rural en 2022. A agonía das folerpas condúcenos, así pois, á aldea de Salgueiro, no Parque Natural do Xurés, respecto da que existe unha iniciativa para a converter nun complexo turístico.

        Desde esta instancia, esta narración coa que debuta o autor na ficción literaria galega, mestura doses de novela de suspense -onde converxen elementos de corte histórico e actual- con reflexións sobre a extensión das redes de poder de arestora, xunto co pano de fondo do xornalismo e unha reflexión interesante sobre a realidade do noso patrimonio cultural ao revitalizar a memoria dun territorio esquecido e ignorado.

        Cunha estrutura áxil, ben deseñada e unha evolución argumental pouco previsible, a novela avanza grazas a írense entrelazando dous planos temporais. Un parte da descuberta casual duns restos humanos na aldea de Salgueiro cando comezan os traballos de restauración do lugar para construír unha eco-aldea; nel, o fío que resulta operativo para ir desvelando que é o que ocorre e mais a propia resolución do conflito é Fina, unha xornalista free lance que segue o caso no xornal Ourense Actualidade e que tamén será o obxectivo dun empresario chamado León, xa que con certa inxenuidade persegue dar conta da existencia dunha rede de influencias e corrupción. Ao pechárselle as portas do xornal acode a unha amiga especialista na internet profunda para espallar así as sospeitas reais da trama de fondo de corrupción que rodea o caso, onde tamén participan investigadores da policía.

        Por outro lado, no plano histórico, deséñase con verosimilitude a vida cotiá no lugar ao longo dos anos sesenta do pasado século. A morte dun neno é o que desatará unha serie de vinganzas que alimentan a narración ata a actualidade, en virtude da permanencia do espírito da “xustiza pola man” e onde non é menor o peso da existencia da organización secreta Carbonária.

        Por extensión, as páxinas poñen en valor con amenidade a existencia de espazos do noso país que son, tamén, imaxe do triste despoboamento do noso rural.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, sección “Ex umbra in solem”, o 1 de setembro de 2023.