Coido que xa deixei por escrito hai algún tempo que un selo editorial como Irmás Cartoné chegase, como chega, aos seus primeiros dez anos de vida neste 2024, é algo para celebrar. Un catálogo que incorpora case corenta títulos traducidos con esmero e extraordinario respecto polo idioma -alén doutros produtos como axendas ou cadernos- é, ou debería ser, un orgullo para todas as persoas que lemos en lingua galega; tamén para as persoas que están detrás deste proxecto: moitos parabéns!

Falo hoxe aquí, moi brevemente, da súa penúltima publicación pois xa está en circulación outra peza narrativa como é Os caravanistas, de Elizabeth von Arnim, en tradución de Celia Recarey Rendo. Refírome a Raparigas de uniforme, de Christa Winsloe, traducido por María Alonso Seisdedos: unha novela que dalgún xeito resulta autobiográfica ao beber da experiencia formativa da autora alemá e recrear a relación que se establece, nun severo e férreo internado, entre Manuela -unha alumna moi nova e filla dun tenente-coronel do exército prusiano- e unha profesora da que acabará namorando. Novela, así pois, pioneira na súa temática que, nun comezo, foi escrita como un texto teatral que se adaptaría ao cine en 1931. Película que foi prohibida durante o nazismo e da que se faría outra versión en 1958 con Romy Schneider como  protagonista. Unha extraordinaria ocasión para un club de lectura, por suxerir unha actividade que sería ben proveitosa, para establecer unha visión comparada entre literatura e cine.