Alexandre Corbillón
Alexandre Corbillón
Breogán Xague

Chego as estas dúas voces de xeitos distintos pero verdadeiramente casuais. De Breogán Xague, malia ter o seu libro Todos os lonxes na casa este estaba case destinado a pasarme desapercibido e recupereino grazas a unha compañeira docente que me falou dun premio ensaístico que o propio poeta recibira había pouco. O coñecemento do libro de Alexandre Corbillón titulado O segredo do trasno foi a través dun amigo común que me falou con entusiasmo desta peza. Alén de seren dúas voces moi novas o certo é que ambas as dúas, con pulso propio e independente, gardan moitos puntos de contacto como abaixo sinalarei.

Todos os lonxes, así pois, adopta a forma de diario poético coa centralidade no concepto da “casa” (o da partida espazos familiares e próximos para min dunha cidade como é Vigo onde o poeta trasmite vivencias “preto de onde pastan as vacas da rúa Anduriña” onde a escrita se configura como a opción “para poder falar da dor que teño / non do que me doe”), na preparación dunha estadía en Suecia por parte do autor, para logo deterse no posterior proceso de adaptación a aquel contorno -e as tensións persoais que experimenta nesta época- ata o seu retorno. En todos os bloques do libro translócese esa percepción de que o libro é unha manifestación artística máis que se vén engadir a outras polas que transita o autor e onde ocupa un espazo nada secundario o territorio musical pois, de feito, o seu último disco titulado Xague2  articula con este libro un continuum evidente e son abondosas as citas e referencias musicais que percorren este volume.

Neste mesmo sentido, O segredo do trasno, de Alexandre Corbillón -autor de Castromau (Celanova)- é un libro no que, xustamente, cada poema vai acompañado da súa banda sonora á que se pode acceder cunha ligazón que se incorpora na parte final do libro. Mais non só é esta a vinculación con outras ordes artísticas pois na requintada edición que nos ofrece Aira na colección Valilongo (apoiada pola Fundación Insua dos Poetas e dirixida por Luís González Tosar), van incorporándose fotografías e ilustracións do autor, e non só, alén de diversas intervencións artísticas de Ludmila Budanov. Todas ao servizo, acompañamento ou orientación dos poemas saudados nun prólogo magnífico por Xosé L. Méndez Ferrín, quen sinala de Corbillón que é xa “un autor definido que acadou un discurso marcado e propio”. O celanovés, así pois, ofrece un mangado de poemas estruturado en sete bloques nos que que xoga con conceptos e percepcións epigrafadas en galego e islandés pois o libro tamén é resultado dunha obra escrita en Islandia grazas a un bolsa de residencia literaria que outorgou a Deputación de Ourense.

Cada un destes bloques goza dun pulso propio, que vai desde o que se deseña unha definición do eu lírico, pasando por outros no que a tonalidade é máis radicalmente intensa e reivindicativa ata os que reparan nas dimensións do concepto de lar; na natureza que o é todo ou que domina todo; na vida e na morte e talvez tamén no desdobramento do eu ou na presenza doutro eu e, claro, na memoria ergueita do pasado sempre.

Que alegría supón poder escribir sobre estas dúas pezas poéticas tan brillantes, tan singulares, tan esperanzadoras.