Fabio Rivas
A pintura debida
Xerais, Vigo, 160 pp., 14,50 €, 2023
Ao non desapegarme aínda -compromiso adquirido libremente que non se limita a un mes nin a un ano- dos ecos que suscita o percorrido intelectual de Francisco Fernández del Riego, pensei nas sensacións que o inundarían ao ter nas mans o orixinal de Percival e outras historias (1958), primeiro libro de Xosé L. Méndez Ferrín, para o que redactou un memorable prólogo. Idéntica experiencia, sospeito, debeu ser a que experimentou Anxo Angueira como ben deixa explícito no certeiro prólogo deste primeiro libro de relatos dunha voz felizmente nova e esperanzadora como é a do pontevedrés Fabio Rivas.
Teño para min que A pintura debida se revela como un sólido artefacto literario deses que deixan pouso e, conxecturo, dos que han gozar dunha longa vida e moitas lecturas pois nun xénero de tan longa e vizosa presenza entre nós como é o do relato curto -nestas páxinas maniféstase un diálogo activo e intenso coa nosa propia tradición a través de numerosos extremos- non é doado chegar e ocupar un espazo propio con tanta naturalidade.
Este libro consegue atraer e emocionar, talvez, porque goza por un lado da consistencia que lle outorga unha inequívoca solvencia nos puntos de vista narrativos adoptados e no deseño estrutural de cada un dos contos, diferentes entre si mais marcados globalmente por deixaren aínda lugar para o estoupido final, en absoluto previsible, que vai alén do episódico “despois de inzalo poderosamente con palabras”, tal e como teorizaba Rafael Dieste.
Igualmente, os relatos desprenden de seu unha habilidade innegable no que é o retrato psicolóxico de personaxes ben diferentes, sempre individualizados, que protagonizan historias singulares en atmosferas que galgan por riba de fronteiras temporais. Trazos que arrastran canda si un ronsel de temáticas abrazadas que semellan, seica, orientarse cara á transmisión da violencia, non só física, e das súas consecuencias; man a man cun consciente clima de desacougo ou inquedanzas recorrentes que medran nun in crescendo dosificado con intelixencia. Finalmente, non é menor o valor que se lle dá ao emprego consciente dun rexistro expresivo rico e que se focaliza como outro dos méritos. Unha gratísima sorpresa este A pintura debida de Fabio Rivas.
Esta recensión viu a luz nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 14 de xullo de 2023.
